O domingo 23 de maio celébranse eleccións municipais, uns comicios que -á espera dun posible adianto das Xerais á primavera- poden ser a porta de entrada ao novo ciclo electoral
O vindeiro domingo 23 de maio celébranse eleccións municipais que servirán para elixir as corporacións municipais dos 313 concellos galegos e tamén os plenos das catro deputacións provinciais. No resto do Estado, ademais de renovar os órganos de goberno e representación de municipios e entes provinciais, haberá eleccións autonómicas en dez territorios.
A importancia destes comicios, para os que quedan exactamente oito meses, increméntase se temos en conta que -á espera dun posible adianto das Xerais á primavera- poden supor a apertura dun novo ciclo electoral, que será continuado polas devanditas Xerais, eleccións ao Parlamento galego (previstas para febreiro de 2028) e ao Parlamento europeo (xuño de 2029).
As municipais chegan, ademais, nun contexto político marcado pola ofensiva de PP e VOX na procura dun poder total no Estado empregando todos os instrumentos ao seu dispor para o desgaste do Goberno de Pedro Sánchez. En Galicia, a diferenza do que sucede nas eleccións ao Parlamento galego, o PP ten moita marxe de crecemento, pois só goberna unha das sete cidades, dúas das deputacións e poucas grandes vilas.
Na outra beira, a esquerda de PSdeG e BNG mantén un gran poder municipal que buscará conservar e, se é posible, acrecentar coa reconquista da Deputación de Pontevedra e coa recuperación dalgunhas alcaldías, entre elas as que o PP lles arrebatou a través de mocións de censura, coma Lugo ou Ribeira, entre unha ducia de concellos.
Nos comicios locais a suma dos votos das candidaturas de esquerda adoita superar amplamente os acadados pola dereita. E, sobre todo, hai unha gran maioría de poboación gobernada por alcaldes e alcaldesas progresistas
Este importante poder local da esquerda é unha das características que dende hai tempo veñen marcando as eleccións municipais en Galicia. A diferenza das eleccións autonómicas, nas que o PP repite maiorías absolutas dende o ano 2009 (aínda que cunha diferenza pequena en número de votos), nos comicios locais a suma dos votos das candidaturas de esquerda adoita superar amplamente os acadados polos populares. E, sobre todo, hai unha gran maioría de poboación gobernada por alcaldes e alcaldesas progresistas, grazas ao dominio de PSdeG e BNG nas zonas urbanas.
Así, por exemplo, nas eleccións de 2023 as esquerdas fixéronse con 150 alcaldías (102 o PSdeG, 36 o BNG e 12 outras candidaturas), un número semellante ás acadadas polo PP. Porén, isto significou que -antes das mocións de censura rexistradas ao longo do mandato- 1,3 millóns de persoas pasaron a estar gobernadas polo PSdeG e 400 mil polo BNG, fronte a menos de 700 mil polo PP.
Tras as eleccións de 2023 -e antes das mocións de censura presentadas ao longo do mandato municipal- 1,3 millóns de persoas pasaron a estar gobernadas polo PSdeG e 400 mil polo BNG, fronte a menos de 700 mil polo PP
Isto, como se pode ver no primeiro gráfico, máis que unha excepción constitúe unha norma nas eleccións municipais en Galicia. Coa excepción dos anos 1995 e 2011, cando o PP gañou por ampla marxe os comicios accedeu ás alcaldías dun gran número de cidades, as candidaturas progresistas acadan máis votos que as conservadoras e, sobre todo, gobernan sobre máis persoas.
Isto é debido, sobre todo, á fortaleza que sempre amosou o PSdeG no ámbito municipal. Dende 1983, os socialistas superaron en case todos os comicios o millón de persoas gobernadas dende as alcaldías e mesmo nos seus peores momentos -1995 e 2011- superaron as 700.000 persoas cun alcalde ou alcaldesa socialista. O seu mellor resultado acadárono nos anos 2007 e 2019, pero en 2023 non estivo lonxe destes máximos.
Os bos resultados municipais dos socialistas galegos, ao igual que os datos que adoita obter nos comicios xerais, contrastan coa debilidade que vén amosando nas eleccións ao Parlamento galego na última década, acrecentada especialmente nos últimos anos
O poder municipal progresista deriva da fortaleza do PSdeG neste tipo de comicios, que contrasta coa debilidade dos socialistas nas eleccións ao Parlamento galego. Tamén do crecemento do BNG, que en 2023 acadou o seu récord de alcaldías (36)
De igual xeito, o BNG vén demostando ese mesmo poder no ámbito local e en 2023 acadou o seu récord de alcaldías (36). Dende 2007 os nacionalistas nunca baixaron de 29 alcaldías e de 260 mil persoas gobernadas, mesmo no seu peor momento (2019).
No mapa anterior pode seguirse a evolución dos gobernos municipais nos concellos galegos dende as eleccións locais de 1979. Dende o dominio incontestable da UCD nas primeiras eleccións (175 alcaldías), pasando pola súa disolución e a emerxencia dun centro galeguista que en 1983 aunou independentes e antigos rexedores ucedeos e que mantivo o seu poder ata a chegada de Fraga en 1989.
En cambio, en 2023 o PP só se fixo coa alcaldía dunha das sete cidades (Ferrol) e apenas controlou unha das dez grandes vilas (Arteixo), aínda que posteriormente se fixo con Lugo e Ribeira a través de mocións de censura
O mapa interactivo tinxiuse do azul popular nos comicios de 1991 e 1995 e o PP mantivo un dominio municipal moi amplo -en territorio gobernado, non tanto en poboación gobernada- ata o 2007, onde o efecto do goberno bipartito PSdeG-BNG se deixou notar na conquista dun gran número de alcaldías na Galicia rural por parte das dúas formacións progresistas (o PSdeG pasou de 66 a 103 e o BNG de 19 a 33).
Despois, a crise económica castigou sobre todo ao PSdeG en 2011, mentres que o BNG sufría xa ese ano as convulsións internas que levaron pouco despois a varias escisións. 2015 significou a aparición das candidaturas cidadás (nese mandato gobernaron sobre máis de 563 mil galegos e galegas), que perderon forza xa en 2019 en favor de PSdeG, primeiro, e do BNG xa en 2023.
No gráfico seguinte pode observarse nunha soa ollada a evolución do poder municipal en cada concello.
O gráfico, cos concellos ordenados por poboación, amosa con claridade o recentes dominio progresista nas sete cidades, coa excepción do ano 2011 cando o PP se fixera con catro das sete alcaldías. En 2015 os conservadores só gobernaron nunha delas (Ourense), en 2019 en ningunha e en 2023 acadaron o poder en Ferrol. A análise pódese estender ás grandes vilas.
Despois das eleccións municipais de 2023, dos dez concellos que contan entre 25.000 e 40.000 habitantes, o PP só acadou a alcaldía de Arteixo (posteriormente fíxose coa de Ribeira a través dunha moción de censura). Iso si, nestes últimos comicios conquistou Ponteareas, O Porriño o Teo, que uniu a outras vilas de importancia, como A Estrada, Lalín ou Marín.
No derradeiro gráfico pode consultarse a distribución de edís en cada concello en cada convocatoria electoral municipal dende o ano 1979.