Os colexios médicos rexeitan o plan da Xunta para a Atención Primaria por ser só "unha declaración de intencións"

Un centro de saúde en Chantada CC-BY-NC-SA CIG

A pasada semana o presidente da Xunta aproveitou a súa intervención nun xantar durante o Congreso da Organización Médica Colexial de España, celebrado en Santiago, para "destacar a importancia" do "novo modelo de Atención Primaria para os próximos vinte e cinco anos" que, di, está a ultimar a Xunta. O documento, defendeu Alberto Núñez Feijóo, serve para "comezar a solucionar un problema extensible a toda España" e por iso "agarda" que a xestión do seu Goberno na materia "sirva de modelo" para o resto do Estado.

Apenas tres días despois de que Feijóo defendese ante a Organización Médica Colexial o seu plan de Atención Primaria como "modelo" para o resto do Estado, os catro colexios médicos galegos rexéitano por non responder ás "inaprazables demandas" deste servizo sanitario

Apenas tres días despois desa intervención o Consello Galego de Colexios Médicos, que agrupa os catro colexios provinciais galegos, e mais as sociedades científicas de diferentes áreas médicas -Agamfec, de medicina familiar; Semergen, de atención primaria; SEMG, de medicina xeral e de familia e Agapap, de pediatría-, manifestan o seu aberto rexeitamento ao bosquexo de plan achegado pola Consellería de Sanidade. Non atopan nel moito máis ca unha "declaración de intencións".

Para os colexios médicos e as sociedades científicas o erro está na propia base do proxecto. "Dende o primeiro momento entendemos que a metodoloxía aplicada pola Consellería", a de grupos de traballo como os xa lanzados en 2015, "non era a correcta para desenvolver un proxecto tan ambicioso como a elaboración dun novo modelo de Atención Primaria" que lograse solucionar "as inaprazables demandas" desta área da sanidade pública. Xa naqueles grupos de hai case catro anos "propuxemos solucións" e por iso "non era nin son necesarios novos bosquexos de plans difusos e confusos". "Eran e son necesarias -afirman- decisións claras de carácter organizativo e orzamentario".

O conselleiro de Sanidade, intervindo ante membros de colexios médicos o pasado 23 de febreiro en Santiago CC-BY-SA Xunta

"En ningún caso se pode considerar un novo modelo de Atención Primaria; é, máis ben, unha declaración de intencións carente de concreción en gran parte dos apartados"

Nun comunicado conxunto feito público por todas estas entidades os representantes da profesión médica en Galicia explican que "unha vez lido e analizado na súa totalidade" o documento remitido polo departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña, "entendemos que en ningún caso se pode considerar un novo modelo para unha Atención Primaria "en clara situación de crise". "É, máis ben, unha declaración de intencións carente de concreción en gran parte dos seus apartados" e no que só "parcialmente" se inclúen "algunhas das propostas" do persoal. Pero "sen dar resposta aos problemas reais".

Así, remarca o Consello de Colexios Médicos xunto ás sociedades científicas, "os profesionais da Atención Primaria levan tempo solicitando uns estándares mínimos de calidade que garantan a correcta asistencia das necesidades dos pacientes galegos". E "este borrador de suposto novo modelo" non responde "ao que levamos tempo demandando", advirten, e por iso "manifestamos o noso rexeitamento ao mesmo". "Precisamos solucións reais para os problemas" da que é "a base do sistema sanitario público galego, tan ben valorado pola cidadanía grazas ao esforzo" dos profesionais, subliñan.

"Necesitamos tempo para os nosos pacientes, maior capacidade de xestión, recursos humanos adecuados ás necesidades poboacionais e medidas contundentes de aproveitamento dos recursos actuais"

As necesidades non son outras que as xa coñecidas, lembran. "Necesitamos tempo para os nosos pacientes, unha maior capacidade de xestión na estruturas organizativas" do Sergas, "recursos humanos adecuados ás necesidades poboacionais e medidas contundentes de aproveitamento dos recursos actuais" que permitan, por exemplo, "abordar con garantías a cronicidade e o envellecemento" da poboación. Estamos ante unha problemática "non só asistencial, senón tamén social e comunitaria", advirten, e para facelo cómpre falar tamén de orzamentos.

"Disto é do que toca falar e sobre o que esperamos unha interlocución capaz de ofrecer respostas claras", conclúen. Colexios médicos e sociedades científicas din estar dispostas a negociar, "como o levamos facendo dende hai anos". Pero o plan formulado por Sanidade, que o propio Almuíña defendía este mesmo luns nunha entrevista na TVG na que aseguraba que en breve explicará a súa dotación orzamentaria, tampouco serve para o persoal médico.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.