A finais de 2015 o Consello Galego de Colexios Médicos e as tres sociedades científicas de Atención Primaria en Galicia (Agamfec, SEMG e Semergen) deron a voz de alarma sobre as carencias da porta de entrada ao sistema sanitario público, os ambulatorios e centros de saúde. Como tamén estaban a facer sindicatos e forzas da oposición, alertaban de carencias en ámbitos como a estabilidade laboral: a base de contratos precarios e faltas de substitucións, as axendas dos centros sanitarios masifícanse, subliñaban.
As alertas polas carencias na Atención Primaria derivaran en 2015 na creación de catro grupos de traballo que remataron as súas reflexións e propostas na primavera de 2017
Aquelas reivindicacións foron condensadas nun documento que as entidades médicas entregaron á Consellería de Sanidade. O departamento gobernamental, daquela aínda dirixido por Rocío Mosquera -sería remudada no posto poucos días despois- puxo en marcha catro grupos de traballo para, coa participación do persoal, "buscar liñas de mellora e solucións concretas aos problemas da práctica diaria. Tres anos despois as alertas na Atención Primaria son aínda maiores e para tentar acalmalas a Consellería vén de ofrecer abordar os problemas outra volta en grupos de traballo, agora nun total de seis no canto dos catro de 2015.
Aqueles grupos de traballo botaron a andar en 2016 e sintetizaron as súas reflexións en varios documentos que remataron na primavera de 2017. Segundo explicaran daquela o Consello Galego de Médicos e as sociedades científicas, o Servizo Galego de Saúde asumira "compromisos" como unha mellor xestión da cobertura das ausencias do persoal facultativo por baixas ou vacacións. Entre as medidas concretas, advertían, estaba "non bloquear as axendas de consultas de atención primaria agás circunstancias excepcionais" ou evitar, como "viña ocorrendo con excesiva frecuencia", que "un mesmo paciente co mesmo problema de saúde sexa atendido por diferentes facultativos nun curto espazo de tempo".
Colexios médicos e sociedades científicas apelaran naqueles traballos a "acabar cos contratos precarios" como vía para paliar as deficiencias en centros de saúde e ambulatorios
Aqueles grupos de traballo de hai tres anos consideraran que "a mellor medida" para paliar as carencias que detectaran e as que ían vir no futuro era "acabar cos contratos precarios de médicos en Galicia". Para facelo propuñan figuras como a creación dun "contrato de continuidade", de seis meses prorrogables para medicina de familia e pediatría que non estivese nas listas de contratación do Sergas. "Lamentamos e non comprendemos que, por supostas dificultades administrativas, o Sergas non aceptase esta proposta", concluían daquela.
Un trienio despois as denuncias de precariedade laboral e na asistencia nos centros de saúde e ambulatorios galegos non só non minguaron, senón que van en aumento. Tras meses de protestas máis ou menos localizadas o conflito subiu varios chanzos cando, nos primeiros días de decembro, unha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo dimitiu en bloque para denunciar o que consideraban unha "insostible" situación de "deterioración" e "sobrecarga asistencial".
Tras dimisión en bloque dunha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo a Consellería volveuse reunir co persoal
Entre os primeiros apoios recibidos polos profesionais dimisionarios estiveron, precisamente, os do Consello Galego de Médicos. A entidade que agrupa as catro entidades colexiais galegas instou a Consellería de Sanidade a actuar xa no canto de anunciar "medidas que nunca chegan e só contribúen a xerar malestar e conflito entre os profesionais". Se non o fai, advertían, o conflito podía estenderse a outros centros de saúde e tamén aos hospitais.
Con este pano de fondo, esta semana a Consellería lanzou a súa nova proposta de grupos de traballo. O conselleiro Vázquez Almuiña e o resto do equipo directivo de Sanidade reuniu a máis de medio cento de representantes da Atención Primaria "de todas as áreas sanitarias" coa intención declarada de "continuar avanzando no desenvolvemento dun novo modelo de Atención Primaria adaptado ás necesidades do século XXI", informou o departamento.
Almuíña propuxo agora crear "seis grupos de traballo" para abordar a "atención da demanda con calidade e seguridade" ou priorizar investimentos
Para facelo, Sanidade propón "crear seis grupos de traballo que abordarán a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais" neste ámbito da sanidade pública, a "atención da demanda con calidade e seguridade", a "priorización do plan de investimentos previstos para 2019" en ambulatorios e centros de saúde, as "relacións coa atención hospitalaria", a formación e as "relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas. Estes grupos terán as "primeiras conclusións" o vindeiro febreiro, avanza a Xunta.
Entre as primeiras propostas sobre a mesa pola banda gobernamental figura que o persoal médico formado en Galicia conte, tras finalizar o MIR, "cun contrato de un a tres anos", iniciativa que esta mércores reiterou no Parlamento o presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo dixo tamén estar disposto a "pacta ras medidas que sexan necesarias para mellorar as axendas dos médicos en Atención Primaria, as súas substitucións, a súa estabilidade e as súas retribucións", se ben cargou tamén contra profesionais da área de Vigo por acollérense, ao seu xuízo, a excesivas baixas.
O persoal lembra que "a análise das necesidades xa está feita", polo que "non é tempo de abrir grupos de traballo, senón de facer algo, xa"
Pola banda do Consello Galego de Colexios Médicos valoran o ton da xuntanza con Vázquez Almuiña e aplauden as intencións declaradas, pero advirten de que boa parte da reflexión en grupos de traballo que agora comeza xa está feita. "A análise das necesidades de atención primaria xa está feita, non é tempo de abrir debates e grupos de traballo, senón facer algo xa", resumen dende o Colexio ourensán. Tamén a Sociedade Galega de Medicina Xeral e de Familia ve "perentorio tomar medidas urxentes" porque "cada mes demorado, é un problema incrementado" que deriva en situacións como as dos centros de Vigo.