O Consello de Contas critica que "con carácter xeral non se promove un uso sostible do recurso hídrico"
Entre os varios informes divulgados o pasado xoves polo Consello de Contas -sobre as políticas da Xunta en violencia de xénero ou educación dixital- hai un sobre a xestión que os concellos fan dos servizos de abastecemento e saneamento. O documento conclúe que en xeral os municipios non están a incentivar o aforro de auga e fixan as súas tarifas sen analizar o custo real dos servizos.
Contas elaborou o seu informe a partir dunha mostra de distintos tipos de concellos e chegou á conclusión de que "a maioría dos concellos analizados carecen dos estudios previos necesarios para a correcta determinación da tarifa do servizo de abastecemento de auga potable". O ente fiscalizador tamén sinala a "falta de plans plurianuais, estudos económicos e estudos de viabilidade" e que "a maioría dos concellos non distinguen os gastos correspondentes a cada servizo relacionado coa auga (abastecemento, sumidoiro e depuración no seu caso)". A análise apunta a unha falta de medios e persoal como orixe deses problemas.
"Con carácter xeral, as ordenanzas non recollen ningún incentivo ao aforro cunha tarifa máis económica para aqueles que se manteñen nun consumo medio, nin tarifas máis altas para penalizar o mal uso do recurso hídrico", di Contas
Canto ás tarifas do abastecemento de auga, "con carácter xeral non se promove un uso sostible do recurso hídrico". Segundo Contas, "non se cumpren o principio de uso racional e eficiente, e o principio de responsabilidade polo establecemento do consumo mínimo, e non é posible verificar o principio de equilibrio económico financeiro pola falta de contabilidade analítica e a falta estudos de custos do servizo". "Con carácter xeral, as ordenanzas non recollen ningún incentivo ao aforro establecendo unha tarifa máis económica para aqueles usuarios que se manteñen nun consumo medio, nin tarifas máis altas para penalizar o mal uso do recurso hídrico", salienta o ente fiscalizador.
Porén, hai excepcións, de xeito que Contas destaca "o Concello de Carballo que, en aras ao principio de sustentabilidade, establece un coeficiente sobre a cota variable, en función do volume de auga consumida, de acordo co principio de quen contamina paga, a aqueles consumos de uso doméstico que cumpran que o consumo comparado dos dous anos anteriores supón unha diminución mínima do 10%, e sempre que así o soliciten e acrediten no Concello".