"Para nada o partido está en crise": o PP queda sen edís en Verín ao renunciar todos a un ano das eleccións

Casa do Concello de Verín e comunicado do PP local CC-BY-SA Imaxe: Concello de Verín | Montaxe: Praza.gal

O partido local, en mans dunha xestora, emitiu un comunicado público no que informou de que "os catro concelleiros do PP de Verín renuncian a súa acta"

A menos dun ano das eleccións municipais de maio de 2027 o PP de Verín vén de quedar sen edís tras renunciar sucesivamente os catro que obtivo nos comicios de 2023. Un escaso resultado para unha formación que gobernou a vila con maioría absoluta de xeito case ininterrompido durante catro décadas. Un partido que agora decidiu comunicar a súa crítica situación cunha nota de prensa na que sinala que a marcha dos catro edís "posibilita que outras persoas poidan substituílos e traballar desde a oposición" ao goberno local de PSdeG e BNG. "Para nada o partido está en crise", asegura o PP local.

Unha reunión no PP de Verín o pasado xullo © PP de Ourense

Verín pode ser unha praza fundamental para o control da Deputación de Ourense por parte do PP e a Verín recorreu Feijóo en 2010 para o seu frustrado intento de apartar os Baltar do goberno provincial. O seu daquela alcalde, Juan Manuel Jiménez Morán, fora rexedor entre 1995 e 2004, cando unha moción de censura o afastou temporalmente do cargo, e recuncou nel entre 2007 e 2015. Jiménez Morán non logrou cumprir o encargo de Feijóo de facerse co control do PP de Ourense no proceso interno de 2010 no que Baltar pai colocou 104 persoas na Deputación, operación pola que despois sería condenado. Pero seguiu á fronte da alcaldía ata 2015, cando foi substituído polo socialista Gerardo Seoane, que agora vén de ser tamén condenado e está pendente de recursos por permitir obras a carón dunha igrexa sen licenza nin permiso de patrimonio.

Nesta convulsa política local, na que Jiménez Morán quixo seguir tendo peso malia perder progresivamente apoios nas urnas, o PP substituíuno en 2023 como cabeza de lista por Lara Da Silva, ata daquela presidenta da Denominación de Orixe Monterrei. Pero a perda de escanos continuou, no medio de sucesivas protestas veciñais contra o peche de servizos sanitarios na vila por parte da Xunta, e no actual mandato o PP pasou a ser a última forza da Corporación, con 4 edís fronte a 5 do BNG e 8 do PSdeG.

Manifestación contra o peche de servizos sanitarios en Verín © XCG

A situación non mellorou e a finais do pasado ano a dirección do partido local pasou a ser asumido por unha xestora. Despois, os catro concelleiros do PP (Lara Da Silva, Aitor Blanco, Sonia Arias e Beatriz Blanco) foron dimitindo nas últimas semanas, a última o pasado venres, cando o partido emitiu unha nota de prensa negando ningunha crise e asegurando que os catro postos serán substituídos en breve polos seguintes na lista. Para o PP local a saída dos catro edís foi "un xesto amable que amosa o seu compromiso co partido e con Verín" e "posibilita que outras persoas poidan substituílos e traballar dende a oposición para amosar a realidade do Goberno local do PSOE e BNG e propoñer iniciativas que mellorarían a calidade de vida".

"Para nada o partido está en crise, simplemente houbo moitos cambios nos últimos meses con nova dirección e novas formas de traballo", sentencia a formación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.