Pontón advirte un "efecto chamada para pechar oficinas" na subvención da Xunta a caixeiros de Abanca

Pontón e outros membros do BNG, no acto contra a exclusión financeira organizado pola formación ante unha sucursal de Abanca na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

O pasado decembro, a Xunta fixo oficial que Abanca gañara a subvención de ata 1,2 millóns de euros para instalar caixeiros nos case corenta concellos que se sumaran ao seu plan concibido para cubrir servizos financeiros en municipios sen sucursais. A principios deste mes, o propio banco ratificou que se dispón a comezar a aplicar un proxecto que, segundo a entidade, lle supón perder uns 2.000 euros por caixeiro e ano.

O banco herdeiro das antigas Caixanova e Caixa Galicia realizou estas consideracións no marco da presentación dos seus resultados do ano pasado, que finalizou con algo máis de 300 millóns de euros de beneficio. No evento, os responsables da entidade aseguraron tamén que a atención á poboación de máis idade é unha das súas prioridades. Afirmárono ao fío da campaña iniciada por Carlos San Juan, un xubilado valenciano de 78 anos, para reclamar atención "humana" nos bancos á poboación da terceira idade.

Fragmentos da orde de subvencións da Xunta para instalar caixeiros, publicada no DOG do 22 de xuño do pasado ano, sobre a imaxe dun caixeiro nun concello galego CC-BY-NC-SA Praza Pública

Con este pano de fondo, a reivindicación volveu coller pulo en Galicia en varias frontes. Dende unha concentración de persoas xubiladas en Lugo, a pasada semana, ata un acto da líder do primeiro grupo da oposición, este luns, ante unha das principais oficinas de Abanca na Coruña. Acompañada por outros dirixentes do BNG e por persoas afectadas por estas prácticas da banca, Pontón considerou "moi triste ver como o sistema bancario maltrata as persoas maiores" e advertiu de que as medidas presentadas pola Xunta como unha vía para paliar a exclusión financeira poden acabar sendo un "efecto chamada" para máis restricións do servizo.

"É moi triste ver como o sistema bancario maltrata as persoas maiores", sinala a portavoz nacional do BNG, quen advirte de que "o abuso non vai parar regalando cartos ás entidades", reclama unha fronte política e social para "recuperar oficinas pechadas e servizos" e subliña a reivindicación dunha banca pública

"Cada vez é máis complicado pagar un recibo, facer unha transferencia" ou consultar o estado da conta corrente, evidenciou Pontón, quen advirte de que "son os bancos os que teñen que adaptarse ás necesidades das persoas maiores" e non ao revés. "O abuso -advirte- non vai parar coa política do señor Feijóo", xa que "a súa resposta" aos peches de sucursais ou á redución de servizos, advirte, "é beneficiar unha entidade" cunha subvención "para que poña caixeiros" onde antes había sucursais. "Un efecto chamada para que a banca peche oficinas, non o podemos tolerar", sinala.

Neste sentido, a portavoz nacional do Bloque insta o Goberno galego a "deixar de regalar cartos ás entidades" e "poñerse a traballar para defender os dereitos das persoas maiores", que son as que sofren "maior vulnerabilidade" ante peches e limitacións dos servizos. Agrega Pontón que a súa chamada de atención se concretará na reclamación de que o Executivo galego lidere unha "fronte coas organizacións sindicais e sociais" para frear os abusos".

Tamén compre, advirte, unha "iniciativa social para recuperar a capilaridade do sistema bancario, recuperar oficinas pechadas e servizos" xa que o problema "afecta ao rural dunha maneira especial", pero tamén aos barrios das cidades. Ese é igualmente un motivo, conclúe, polo que a aposta "alternativa" do BNG segue sendo "apostar por unha banca pública que poña no centro os dereitos da cidadanía".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.