Pontón anuncia unha oposición "en positivo" e "construtiva" fronte ao PP "máis prepotente e absolutista"

Ana Pontón, este sábado no primeiro Consello Nacional do BNG despois das eleccións do 18F © BNG

“Non imos limitarnos á crítica, senón que a cada problema explicaremos que faría un goberno do BNG para dar solucións, unha oposición en positivo, focalizada nos problemas reais da xente", dixo Pontón

O BNG celebrou este sábado o seu primeiro Consello Nacional tras as eleccións do pasado 18 de febreiro, unha xuntanza na que a formación nacionalista analizou o resultado obtido nos comicios, nos que o Bloque acadou o seu mellor resultado histórico, ao obter 25 escanos. A portavoz nacional, Ana Pontón, anticipou que o BNG realizará unha oposición "en positivo" e "construtiva" ao novo goberno do PP, "instalado na crispación e cada vez máis submiso a Madrid", o PP "máis ultra de todos os tempos", dixo.

“Seremos a voz da maioría social", dixo Pontón, que incidiu en que “non imos limitarnos á crítica, senón que a cada problema explicaremos que faría un goberno do BNG para dar solucións, unha oposición en positivo, focalizada nos problemas reais da xente". "Usaremos a nosa forza para defender todo o que prometemos: sanidade pública, ensino libre de recortes, unha vellez tranquila para os nosos maiores, oportunidades para a xente moza ou a defensa da nosa lingua e cultura”, engadiu.

Ana Pontón, este sábado no primeiro Consello Nacional do BNG despois das eleccións do 18F © BNG

Fronte a esta oposición "firme" pero "construtiva", Pontón ve o PP "máis ultra de todos os tempos"

Fronte a esta oposición "firme" pero "construtiva", Pontón afirmou que “imos ver a un Partido Popular máis prepotente e absolutista que nunca, incapaz da mínima autocrítica, negociación nin diálogo para chegar a acordos de País". A líder nacionalista denunciou que o PP "demostrou que lle vale todo: a mentira, a difamación, a utilización obscena da TVG e dos recursos públicos con tal de manterse no poder”.

Ensanchar a base social do BNG "coa man tendida e cun sorriso"

A líder nacionalista sinalou que o resultado do 18F amosa que "o Bloque non ten teito electoral" e abre "un novo ciclo político" no que o BNG é quen de "disputarlle a hexemonía electoral" ao PP

Pontón cualificou de "histórico" o resultado electoral do BNG do pasado domingo, un resultado "froito de catro anos de intenso traballo colectivo e dunha liña política acertada, que tivo como colofón unha excelente campaña que xerou unha inmensa corrente de simpatía e de ilusión". “Demostramos, e o digo con orgullo, que hai outra forma de facer política, sen insultos, nin mentiras, que fixo que miles de persoas volveran crer en nós, e isto é un capital de valor incalculable que temos que coidar”, dixo.

“Temos que seguir traballando para ensanchar a base social, para que cada vez máis galegos e máis galegas se sumen ao BNG e facelo como até agora, sempre coa man tendida e cun sorriso", afirmou Pontón

A líder nacionalista sinalou que o resultado do 18F amosa que "o Bloque non ten teito electoral" e abre "un novo ciclo político" no que o BNG é quen de "disputarlle a hexemonía electoral" ao PP, engadindo que "Galicia xa cambiou". “Temos que seguir traballando para ensanchar a base social, para que cada vez máis galegos e máis galegas se sumen ao BNG, seguir explicando o noso proxecto para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e merecemos e facelo como até agora, sempre coa man tendida e cun sorriso", afirmou Pontón.

“Os cambios políticos transformadores precisan tempo, mais o camiño está marcado e o obxectivo final está máis cerca porque xa hai unha nova Galiza en marcha", concluíu Pontón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.