Ana Pontón asegura que está "con máis forza que nunca" e que hai "un cambio de ciclo" en Galicia

Rolda de prensa do BNG de avaliación dos resultados das eleccións do 18F CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

"O resultado demostra que este país xa cambiou, que non hai volta atrás porque hai unha cidadanía que non se conforma con esa Galiza en pequeno que nos está a deixar o Partido Popular", defendeu Pontón tras a reunión da Executiva Nacional do BNG para analizar o resultado do 18F

“Hai un cambio de ciclo neste país”, asegurou a líder do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á reunión da Executiva Nacional da formación, centrada en analizar o resultado das eleccións do 18F. “Temos un caudal de esperanza”, proseguiu, para ratificar que este domingo “Galiza mudou e hai unha forza política sólida sobre a que imos construír un país de futuro”.

Pontón incidiu en que a formación nacionalista traballará para seguir “ensanchando” a súa base de votantes. Desde o BNG argumentan, a falta dunha análise pormenorizada dos resultados electorais definitivos, que o domingo se mobilizou moito voto novo e que case non houbo transvase de votantes desde as filas socialistas. “Imos seguir traballando para que se rompa a hexemonía que ten o PP”, advertiu a portavoz nacional.

Reunión da Executiva Nacional do BNG este luns CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Como na súa primeira análise tras coñecer os resultados das eleccións, Pontón destacou que cos 25 deputadas e deputados nacionalistas que conformarán o seu grupo parlamentario “compróbase que o BNG non ten teito electoral” e que xa “é a alternativa indiscutible o PP” pola esquerda.

“Volvemos ter un resultado no que rompemos o noso teito en número de deputadas e deputados, aumenta o número de galegas e galegos que cre en nós como alternativa. Este resultado demostra que este país xa cambiou, que non hai volta atrás porque hai unha cidadanía que non se conforma con esa Galiza en pequeno que nos está a deixar o Partido Popular”, debullou Pontón.

"Estou con máis ganas, con máis forza e con máis ánimo que nunca", sostivo Pontón, que confirmou que continuará como portavoz nacional do BNG

Pontón confirmou a súa intención de continuar á fronte do BNG como portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións –que non se poderán celebrar como mínimo nun ano–. “Estou con máis ganas, con máis forza e con máis ánimo que nunca”, sostivo. Este sábado, a formación celebrará un Consello Nacional para avaliar o resultado histórico acadado.

A liña comunicativa deste BNG liderado por Pontón, que culminou na campaña “das ideas, da ilusión e da esperanza” que levaron a cabo para estes comicios, terá continuidade. Fontes do Bloque explican que agora toca xestionar a ilusión creada e canalizala no traballo que está por facer. “Este domingo non acabou nada, empeza todo –dixo Pontón–. Imos seguir construíndo desde aí, desde o país que soñamos e que queremos construír”.

O PP xogou a unha campaña do medo, das mentiras. E iso algún efecto tería”, concedeu Pontón a preguntas dos xornalistas que solicitaban unha lectura estatal do resultado electoral a respecto do liderado de Feijóo no PP. “Eu creo noutra forma de facer política: en positivo, construtiva e desde a verdade, que é a forma de facer política desta casa que é o BNG”, defendeu.

Nese sentido, recalcou, “o que acaba de dicir Galiza é que aposta por unha forza nacionalista como é o BNG e fíxoo nun contexto no que o PP centrouse en atacarnos. Os galegos e galegas merecemos un pouco de respecto nas análises post-electorais”.

Pontón agarda que o PP non aplique a "maioría de 'rodillo" no Parlamento. "Depende de se o PP vai querer dialogar coa oposición, nós seguiremos facendo unha oposición rigorosa e construtiva", dixo

“Lideramos a oposición con esa vocación de construír unha nova maioría en Galiza”, destacou Pontón, que volve recuncar como líder da oposición, agora cunha maioría máis “sólida” no Parlamento tras o baixón do PSdeG. O labor de oposición na Cámara, pola contra, non poderá variar moito se o PP segue a aplicar a súa “maioría de rodillo. “Depende de se o PP vai querer dialogar coa oposición, nós seguiremos facendo unha oposición rigorosa e construtiva. Se o PP rectifica o que vén facendo até o momento, nós imos estar aí, mellorando a vida das persoas”, indicou.

Por outra banda, no BNG están a estudar accións legais contra medios de comunicación que afirmaron que existen vínculos terroristas coa súa organización. “Unha cousa é a crítica política e outra é a descualificación e a mentira”, evidenciou Pontón, que criticou que o Partido Popular empregase en Galicia “a mentira e a difamación” durante a campaña. “En política non vale todo, tampouco en campaña electoral”, aseverou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.