Tras o escrutinio provisional deste domingo dos votos en urna e por correo será o luns 26 cando as xuntas electorais realicen o escrutinio xeral incluíndo o voto da emigración, que podería mudar escanos, como xa pasou no pasado
Este domingo 18 de febreiro vota quen non o fixese xa por correo ou na emigración e o presidente da Xunta e o seu Goberno comezan a exercer en funcións. Ás 20 horas, en canto pechen os colexios electorais, comeza o escrutinio e nun par de horas coñeceranse xa datos bastante aproximados aos resultados finais. Pero será aínda un escrutinio provisional dun longo proceso que levará á constitución do Parlamento dentro dun mes, o 18 de marzo, e á posterior elección por este da Presidencia da Xunta. Se esta se concreta non volverá haber eleccións galegas cando menos nun ano. Este é o proceso que marcan a partir de agora fundamentalmente tres normas: o Estatuto de Autonomía, a Lei 1/1983 reguladora da Xunta e da súa presidencia e a Lei 8/1985 de eleccións ao Parlamento de Galicia.
Este domingo coñeceranse os resultados provisionais do escrutinio dos votos nos colexios electorais, que inclúen tanto os depositados directamente pola cidadanía nas urnas como os entregados nesta mesma xornada ás mesas polo persoal de Correos procedentes do voto postal. Ese escrutinio realizado nas propias mesas electorais e divulgado case en tempo real será revisado unha semana máis tarde, o luns 26 de febreiro, polas xuntas electorais provinciais. Será nese momento cando tamén comece o escrutinio do voto procedente da emigración, que polo peso do seu censo sobre o total -476.000 do total de 2,69 millóns de posibles votantes, o 17,6%- podería mudar o reparto dalgún escano a respecto do escrutinio provisional, como xa sucedeu no pasado.
Tras resolverse as reclamacións que interpoñan as candidaturas contra o escrutinio xeral o novo Parlamento de Galicia será constituído para a súa XII Lexislatura o luns 18 de marzo ás 11 horas da mañá, como quedou fixado no decreto de convocatoria destas eleccións. Nesa xornada será elixido o presidente ou presidenta do Parlamento e a Mesa do mesmo, o seu órgano de goberno. A partir dese momento será cando se inicie o proceso de elección do presidente ou presidenta da Xunta, que deberá ser un dos 75 deputados ou deputadas con escano na Cámara.
Para chegar á presidencia da Xunta hai que ser deputado ou deputada e obter en primeira votación maioría absoluta (38 dos 75 escanos) ou en segunda maioría simple (máis votos a favor que en contra)
A lei establece que o Presidente do Parlamento "previa consulta coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, propoñerá un candidato á Presidencia da Xunta". Este presentará o seu programa de goberno ao Parlamento e para ser elixido deberá contar nunha primeira votación coa maioría absoluta (cando menos 38 dos 75 escanos da Cámara) ou, de non obtela, unha maioría simple (máis votos a favor que en contra) nunha segunda votación que se realizaría 24 horas despois da anterior.
Se en ningunha desas votacións se obtén o apoio necesario o presidente do Parlamento tramitará "sucesivas propostas" e "se transcorresen dous meses a partir da primeira votación de investidura sen que ningún candidato proposto obtivera a confianza do Parlamento, este quedará disolto e procederase á convocatoria de novas eleccións".
Se é elixido un presidente ou presidenta da Xunta, o do Parlamento "comunicarao a El-Rei para o seu nomeamento" e publicación no BOE e no DOG. A persoa nomeada tomará posesión do cargo dentro dos cinco días seguintes a esa publicación xurando ou prometendo fidelidade ao mandato e "observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado" e exercitar as súas funcións "no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España". Despois o novo presidente ou presidenta nomeará o seu Goberno.
O novo presidente ou presidenta da Xunta non poderá convocar novas eleccións ata que "non pasase alomenos un ano desde a última disolución da Cámara"
A lei reguladora da Xunta e da súa presidencia aínda contén outro artigo que pode ter influencia nos próximos meses se se constata a fragmentación do Parlamento que prognostican algunhas enquisas. Se non hai maioría absoluta e é elixido un presidente ou presidenta co apoio de varios grupos políticos nunha cámara fragmentada, sexa pola dereita coa entrada de Democracia Ourensana ou Vox, ou pola esquerda con Sumar ou Podemos, a inestabilidade que se puidera producir posteriormente na Cámara terá uns efectos acoutados no eido electoral. O presidente ou presidenta da Xunta ten entre as súas competencias a de disolver o Parlamento e convocar eleccións, pero a lei di que "esta facultade en todo caso non se poderá exercer cando non pasase alomenos un ano desde a última disolución da Cámara".