Pontón comprométese a impulsar desde a Xunta un plan de industrialización e unha transición enerxética xusta nas Pontes

Ana Pontón, no acto do BNG nas Pontes CC-BY-NC-SA BNG

O BNG comprométese a impulsar "unha transición enerxética xusta" no caso de acceder ao Goberno galego tras o 12X. Nun acto nas Pontes, co peche anunciado da central das Pontes como pano de fondo, a candidata nacionalista á presidencia, Ana Pontón, contrapuxo o plan de industrialización que porá sobre a mesa o Bloque co "pim-pam-pum do PP e o PSOE" no conflito pola fin do carbón en diferentes comarcas. 

Pontón detallou un plan plurianual para as comarcas afectadas pola transición enerxética que se negociará cos axentes implicados e que se dotará de recursos, tras criticar que se aluda á falta de orzamento logo de que administracións puxesen sobre a mesa 90.000 e 5.000 millóns de euros, respectivamente, "para rescatar a banca e as radiais madrileñas". 

Acto do BNG nas Pontes CC-BY-NC-SA BNG

A candidata do BNG insistiu na proposta da súa formación para crear unha tarifa eléctrica galega que ofreza descontos pola inxente produción de enerxía no país e reclamou que Galicia "controle os seus recursos" e que "non se espolien". Ademais, avogou por un plan económico contra a crise demográfica, unha problemática que, segundo dixo, demostra "o fracaso do modelo económico, político e social do PP".

 "O BNG aposta por unha Galicia de mulleres libres onde os coidados estean no centro", di Pontón

Por outra banda, Pontón apostou tamén por situar os coidados entre as prioridades porque "detrás" deles atópanse "mulleres que non poden desenvolver a súa vida" por non dispoñer dunha rede pública. "O BNG aposta por unha Galicia de mulleres libres onde os coidados estean no centro", dixo quen prometou "darlle a volta ao modelo privatizador que impuxo Feijóo". 

Así, Pontón prometeu, no caso de que o BNG chegue ao goberno, "impulsar as residencias públicas que o PP foi incapaz de construír", entre elas unha nas Pontes, ademais de nas sete cidades galegas. 

A mellor homenaxe ás vítimas do coronavirus, dixo Pontón, é "ofrecer centros públicos e unha sanidade libre das privatizacións". Ao tempo, amosou a súa "preocupación" ante a "inacción" da Xunta de haber rebrotes e preguntouse "onde está o protocolo" do Goberno galego para abordalos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.