Pontón fai propio o "gobernemos nós a nosa Terra" de Castelao e pide "amplitude de miras" nas municipais

Ana Pontón en Rianxo este sábado CC-BY-SA BNG

A portavoz nacional do BNG salienta que "as eleccións municipais son unha magnífica oportunidade para estender o modelo do BNG a máis concellos" e seguir construíndo ao "integrar a persoas e colectivos que comparten ideais"

Arroupada pola vixencia dos ideais de Castelao, a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, proclamou este domingo desde Rianxo a necesidade de ter “as mans libres” para defender os intereses do país. “Hai unha idea clara que nos deixa Castealo, Galiza precisa forzas propias que defendan os seus intereses, sen submisións a Madrid ou Bruxelas, nin tampouco aos grandes lobbys económicos. Na Segunda República esa forza foi o Partido Galeguista, en 2023 é o BNG”, asegurou.

Pontón aproveitou a tradicional homenaxe a Castelao polo aniversario do seu pasamento –do que se fixeron 73 anos este 7 de xaneiro– e o encontro coa militancia nacionalista na vila natal do ilustre político para designar os obxectivos do BNG para este ano que comeza e no que haberá un exame primordial, que marcará a carreira á Xunta, as eleccións municipais de maio.

Ana Pontón na homenaxe a Castelao co alcalde de Rianxo Adolfo Muíños e o candidato do BNG á alcaldía Xusto Ordoñez CC-BY-SA BNG

“As eleccións municipais son unha magnífica oportunidade para estender o modelo do BNG a máis concellos, para mellorar a vida das persoas e tamén para agrandar a base social e incrementar a nosa presenza no territorio. En definitiva, para integrar a persoas e colectivos que comparten ideais e seguir construíndo, con intelixencia e con humildade, a gran casa común do amor a Galiza que é o BNG”, sostivo Pontón, convencida de que “o próximo 28 de maio o BNG vai ser a forza política que máis medre e imos ter un resultado histórico, con máis alcaldías e con máis concelleiras e concelleiros ca nunca”.

Con todo, a líder nacionalista advertiu que para lograr ese avance, ese aumento da “base social” da formación, “é necesario facer os deberes e facelos ben, con xenerosidade e con amplitude de miras, sen durmirse nos loureiros e sempre coa man tendida a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”. Mensaxe de apertura que Ana Pontón vén realizando con ímpeto xa desde a anterior campaña das galegas.

A líder nacionalista asegura que Galicia precisa "un novo paradigma de goberno", que xa está en marcha nos concellos gobernados polo BNG

Ana Pontón pediulle aos seus alcaldes e alcaldesas que fagan valer os exemplos de “políticas transformadoras e avanzadas” dos concellos nacionalistas “que mesmo se teñen convertido en referentes dentro e fóra do país”.  Neste contexto de crise de prezos que afecta a toda a sociedade, a líder do BNG incidiu en que Galicia precisa “un novo paradigma de goberno”, capaz de sacala “do furgón de cola ao que nos conducen as forzas estatais”. Un paradigma que, salientou, xa está en marcha nos concellos.

“Pódese facer moito máis”, proclamou, “como tomar medidas para frear a especulación na vivenda ou nos alimentos, reclamar que a banca devolva os 90.000 millóns de euros do rescate, baixar o gasto militar para destinalo á ciencia, educación ou sanidade; poñer topes aos carburantes ou crear unha tarifa eléctrica galega para que Galiza se beneficie da súa riqueza eléctrica, en lugar de ser pasto dun boom eólico depredador”.

Pontón no acto coa militancia en Rianxo posterior á ofrenda floral a Castelao CC-BY-SA BNG

Pontón fixo fincapé na situación “límite” da sanidade galega animou á participación nas plataformas locais e comarcais en defensa da sanidade pública para a “preparación da grande mobilización nacional prevista para o mes de febreiro, que ten que ser unha resposta contundente e masiva a favor do sistema público de saúde”, destacou.

“Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos, mais nunca como agora tivemos tan claro que o noso país precisa un cambio de rumbo, que precisamos abrir un tempo novo e facer realidade o vello lema de Castelao de gobernemos nós a nosa Terra”, afirmou a portavoz nacional do BNG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.