Pontón reclama unha moratoria á instalación de novas grandes superficies en Galicia para apoiar o comercio local

Pontón, na compostelá libraría Komic coa deputada Carmela González e Goretti Sanmartín, voceira do BNG en Santiago, este 12 de decembro CC-BY-NC-SA BNG

En Galicia hai case 40 grandes superficies comerciais, segundo os datos máis recentes da patronal do sector. Unha abundancia á que se engadiu algún novo hai poucas datas e ao que prevé sumarse algún máis no futuro, caso do denominado Breogán Park, o proxecto para transformar o pechado Dolce Vita da Coruña no "maior parque comercial" do Estado, segundo os seus promotores.

É con este pano de fondo co que o BNG promove "unha moratoria na instalación de grandes superficies comerciais" como medida de apoio ao pequeno comercio. A proposta lanzouna a súa portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación dunha nova edición da campaña Mellor local, mellor galego, coa que a formación soberanista anima a adquirir agasallos para o Nadal en comercios locais e de proximidade.

Pontón, flanqueada por Sanmartín e González, presentando a campaña para animar ao consumo no comercio de proximidade cara ao Nadal CC-BY-NC-SA BNG

A compostelá libraría Komic, especializada en banda deseñada, foi o escenario elixido polo Bloque para presentar a campaña e as súas iniciativas para o sector que, avanza Pontón, inclúen "unha nova lei de comercio, adaptada á realidade actual e que reforce o papel do comercio de proximidade na economía galega". Esa norma, sinala, debería regular en maior medida aspectos coma os horarios ou os períodos de rebaixas para deixar atrás a "lexislación liberal do PP, feita á medida das grandes áreas".

O BNG presenta a súa campaña para animar ao consumo de produtos galegos e de comercio local cara ao Nadal, propón unha nova lei para o sector e censura que os Orzamentos da Xunta para 2023 lle dediquen 10 millóns menos que nas derradeiras contas do Goberno de coalición

Esas grandes superficies comerciais, coida a líder do BNG, son xa de seu "un modelo saturado" que "xera problemas na trama urbana das cidades e ten prácticas que dificultan a supervivencia do comercio de proximidade". Por iso defende a moratoria, á que coida que cómpre engadir "un plan integral de promoción do comercio de proximidade" para o que o Bloque reclamou 19,5 millóns de euros nos Orzamentos Xerais para 2023 que se están a tramitar no Parlamento, e no que contempla accións como "unha plataforma de venda en liña que permita ao comercio sumarse a este hábito de consumo sen someterse a imposicións de multinacionais como Amazon".

Sobre os orzamentos, precisamente, Pontón censura que "malia o peche duns 8.500 comercios locais ata 2020", en 2023 o Goberno do PP aínda destine "10 millóns de euros menos que en 2009" ao sector. Esa dotación é de 25,5 millóns de euros, un 27% menos (sen ter en conta a inflación) que nas derradeiras contas do Goberno de coalición PSdeG-BNG, que lle dedicaban 35,23. 

Esa diferenza rexístrase mesmo tendo en conta o forte incremento porcentual da área de comercio nos orzamentos da Xunta a respecto de 2022. Rexistra un crecemento de case o 40% fundamentalmente por mor dos 5 millóns orzamentados para financiar o bono comercio, un plan de axudas de 30 euros para gastar en establecementos comerciais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.