A conselleira de Medio Ambiente anunciou a intención de recorrer a sentenza que constata a "inactividade" do Goberno galego e do Estado ante a auga contaminada polas macrogranxas apenas vinte e catro horas despois de que a ditase o TSXG
Apenas vinte e catro horas despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditase a sentenza que condena aos gobernos de Galicia e España pola súa "inactividade" para combater a contaminación das macrogranxas nas augas da Limia, a Xunta xa avanzou a súa intención de recorrela. Confirmouno a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, crítica con que o tribunal non centrase as responsabilidades no Estado, pero tamén con que a Sala evidenciase un exceso de explotacións gandeiras extensivas na comarca que o seu propio departamento acreditou.
Diante do anuncio do Goberno galego, a portavoz nacional do BNG insta o gabinete de Alfonso Rueda a reconsiderar a decisión. Reclama Ana Pontón que a Xunta non recorra unha "sentenza que fai xustiza a respecto dunha situación gravísima" e se centre en acometer as tarefas de restauración ambiental e control da calidade das augas limiás que impón o propio tribunal.

Preguntada ao respecto pola prensa durante a súa visita a Ourense para apoiar as mulleres embarazadas que se mobilizan para denunciar a precariedade na atención aos partos por mor das obras do hospital Materno, Pontón coida que o que toca agora é "asumir responsabilidades". E "sobre todo, non se debería recorrer" por parte da Xunta nin tampouco do Estado.
"O que teñen que facer Xunta e Estado é recuperar canto antes a calidade ambiental do encoro", di a portavoz nacional do Bloque
"O que teñen que facer Xunta e Estado é poñerse a traballar para recuperar canto antes a calidade ambiental" do encoro das Conchas para paliar unha contaminación que foi obxecto, lembra, de "reiteradas" denuncias. Esa, avanza, é "a reclamación que imos facer en todas as institucións".
Nun sentido semellante, xa nos últimos días tras coñecer a sentenza o propio Bloque viu "corroborado" con esta sentenza "histórica" a "denuncia que vimos realizando durante anos, tanto no Parlamento galego como no europeo", sobre a "situación límite que padecen as comarcas da Limia e da Baixa Limia por mor dunha xestión irresponsábel e permisiva da contaminación e do abandono institucional", sinalou o deputado Iago Tabarés. Tras esta "vitoria colectiva da veciñanza organizada", agregou Tabarés, o que procede é a "execución inmediata da sentenza", coa "adopción de todas as medidas necesarias para garantir un abastecemento de auga seguro, a eliminación dos focos contaminantes e a recuperación ambiental da contorna do encoro".
