PP e Ciudadanos piden expresamente o voto antes de que comece a campaña

Cartas de PP e Ciudadanos pedindo expresamente o voto antes do comezo da campaña electoral do 10N CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os partidos intentan eludir as limitacións legais dunha campaña reducida a oito días

Por primeira vez o feito de ter que repetir as eleccións xerais despois de que o Congreso non fose quen de nomear un presidente do Goberno tras os comicios do 28 de abril fará que a campaña electoral do 10N quede reducida a oito días en vez dos 15 habituais. Foi un cambio legal aprobado en 2016, tras unha repetición similar e ante o risco de que uns terceiros comicios caesen daquela no Nadal, que fará que desta volta a campaña non comece ata as cero horas deste venres 1 de novembro. Porén, nos últimos días xa chegaron ás caixas de correos cartas de PP e Ciudadanos nas que se pide o voto de xeito expreso, xa que a modificación legal que reduciu a campaña a oito días mantivo que uns días antes xa se permita "o envío directo e persoal aos electores de sobre e papeletas electorias ou de propaganda", sen indicar nada ao respecto da prohibición xeral de pedir o voto antes da campaña.

Sen chegar ao extremo dos "Vota PP" e "Vota Ciudadanos" das cartas desas dúas formacións, a prohibición de pedir o voto ata o comezo oficial da campaña electoral xa estaba a ser eludida con todo tipo de fórmulas lingüísticas nos diversos mítines que todas as formacións veñen celebrando nas últimas semanas como se xa estivesen en campaña. O pasado domingo, no mitin que o presidente do Goberno central e candidato do PSOE, Pedro Sánchez, deu na Coruña, os socialistas non estaban a pedir o voto para outra formación distinta cando apelaron a “votar coa mesma forza que en abril”.

En Facebook vén de destaparse o intento de desmobilizar posibles votantes da esquerda impulsado dende a contorna do PP

E o mesmo sucede noutro tipo de expresións políticas, como os anuncios contratados en Facebook por Podemos que a Xunta Electoral ordenou retirar por considerar que estaban a facer "unha petición directa do voto" malia supostamente limitarse a criticar a PP e PSOE. Nese ámbito de internet, a última novidade vai máis alá de pedir o voto para un partido e vén de pasar ao intento de desmobilizar aos posibles votantes do contrincante, como as campañas tamén en Facebook impulsadas desde a contorna do PP contra outras formacións que veñen de desvelar eldiario.es ou El País.

Campañas publicitarias do Goberno galego incluídas no expediente avaliado pola Xunta Electoral CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Xunta Electoral ordenou a mediados de outubro ao Goberno galego retirar varias campañas por consideralas propagandísticas

A maioría dos partidos chegan a estes segundos comicios tras declarar publicamente o seu desexo de reducir o gasto e non cansar á cidadanía coas súas mensaxes, pero intentando ao tempo atopar outro tipo de estratexias coas que seguir chegando ao electorado potencial. As formacións puxéronse de acordo en que nesta campaña non haxa carteis colgando nas rúas, e numerosos votantes solicitaron que non se lles envíen correos electorais. Pero formacións como Vox eludiron ese impedimento optando por repartir as súas cartas polo método do buzoneo xeralizado en vez de por correo postal.

Outra das prohibicións existentes, neste caso non só durante a campaña senón desde o momento en que se convocan as eleccións, é a de que as administracións fagan propaganda das súas actuacións. A Xunta obviou esa prohibición e seguiu divulgando diversas campañas sobre os seus “logros” ata que a Xunta Electoral ordenou retiralas a mediados de outubro por considerar que o Goberno galego infrinxira o veto.

Xunta e Goberno central están a multiplicar as convocatorias de “visitas” de responsables políticos a diversos lugares ou a súa participación en foros nos que poder lanzar as súas mensaxes

Unha estratexia distinta de presenza nos medios de comunicación que están a seguir tanto o Goberno central como a Xunta para sortear tanto a prohibición da publicidade institucional como a de inauguracións é a convocatoria de “visitas” de responsables políticos a diversos lugares ou a súa participación en foros nos que poder lanzar as súas mensaxes

Baixo eses formatos xa pasaron nas últimas semanas por Galicia diversos ministros que aproveitaron para presentar o PSOE como o partido mellor capacitado para formar goberno. Igualmente, o presidente Feijóo vén coando en boa parte dos seus discursos en todo tipo de actos oficiais referencias á suposta “estabilidade” do seu Goberno en Galicia fronte á inestabilidade que, nos actos de partido, atribúe aos socialistas. Nesta liña, a Xunta Electoral anunciaba este mércores a apertura dun expediente a Pedro Sánchez, semellante aos recibidos por outros cargos en anteriores campañas, por unha entrevista para laSexta dende a Moncloa.

Pero isto foi a precampaña. A campaña electoral comeza na medianoite deste xoves a venres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.