"Sorprendente", "inadmisible" ou "máis alá da simple neglixencia" son expresións que usa o tribunal para censurar que Sanidade non protexa mellor as historias clínicas e non investigase ben o acceso indebido á dun traballador, ao que ten que indemnizar
"Alarmante", "sorprendente", "inadmisible", "máis alá da simple neglixencia", "un feito de suma gravidade", "trata de xustificar o inxustificable". Estas e outras varias expresións emprega o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza que vén de facer pública na que condena a Consellería de Sanidade a indemnizar a un traballador do Sergas por un acceso indebido ao seu historial clínico.
O tribunal censura non só a falta de seguridade que permitiu ese acceso senón tamén que despois Sanidade non investigase ben o sucedido e mesmo que no proceso xudicial o letrado da Xunta tentase rebaixar a importancia do sucedido argumentando que ao historial pode acceder "incluso calquera compañía aseguradora". A sentenza di que iso é unha "interpretación absurda e contraria a dereito" pero considera "alarmante" que sexa empregada pola Xunta para defenderse.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a vítima do acceso indebido ao seu historial clínico foi un auxiliar administrativo do Sergas que traballa no servizo de Facturación dun hospital galego. "Unha ou varias persoas que non puideron ser identificadas accederon ao seu historial clínico utilizando a tarxeta e número de PIN persoal do xefe [dese mesmo servizo de Facturación] que, ao parecer, a deixaba introducida e activada, de modo permanente, no ordenador, para acceder ao sistema IANUS [de historias clínicas], sendo aquel PIN coñecido pola maior parte dos traballadores do servizo", di a resolución xudicial, que engade que a Xunta "non pon en cuestión tal feito nin o indebido acceso á historia clínica" do afectado.
O tribunal censura como unha "interpretación absurda" da norma que "segundo o Sergas, ao historial pode acceder libremente non xa calquera traballador de xestión senón incluso calquera aseguradora"
Pero a administración si tentou rebaixar a importancia do sucedido para ter que indemnizar con menos cartos ao afectado. A sentenza relata como "segundo o Sergas, ao historial clínico dos pacientes pode acceder libremente non xa calquera traballador de xestión e servizos senón incluso calquera compañía aseguradora". "Se grave e inadmisible é a conduta que estamos enxuizando, maior gravidade e preocupación causa a interpretación absurda e contraria a dereito que fai a Administración sanitaria acerca da protección de datos clínicos dos pacientes", censura o tribunal.
A sentenza dubida se o letrado do Sergas "non leu con detemento os preceptos que menciona" na súa interpretación laxa da protección de datos ou se chega a "crerse a 'pé juntillas' a interpretación que tenta trasladar", a cal o tribunal considera "non só rexeitable senón alarmante para a protección da intimidade persoal dos pacientes".
O TSXG tamén critica que "a administración non esgotou a investigación a que viña obrigada pola reprobable actitude do xefe do servizo de Facturación e da persoa ou persoas que accederon indebidamente ao historial clínico, o que non resultaría difícil dado o escaso número de traballadores no servizo".
Ao coñecer os feitos o afectado reclamara unha indemnización a Sanidade de 75.000 euros, e a consellería recoñeceulla de 1.500 euros. Desconforme con ela recorreu á xustiza ordinaria e un xulgado do contencioso-administrativo elevouna a 5.000 euros. Pero o afectado volveu recorrer e agora o TSXG, tras a argumentación exposta anteriormente, considera que ten dereito a 9.000 euros. Unha cifra que considera "máis axustada á gravidade do feito, á sorprendente postura da Administración tratando de xustificar o inxustificable, ao dano moral producido ao actor e á difusión dos seus datos médicos ilexítimamente obtidos".