PSdeG e PSC defenden o federalismo nunha “España plural” e admiten eivas na coordinación territorial e o financiamento

Os secretarios xerais de PSdeG e PSC, Valentín González Formoso e Salvador Illa, co alcalde de Santiago © PSdeG

Valentín Formoso e Salvador Illa deciden “compartir ideario e liñas de acción” entre o independentismo e os “nostálxicos do estado unitario”

No mesmo día en que deixou de estar en vigor a obriga xeral de uso de máscara en interiores, o ministro de Sanidade que a implantou hai dous anos, Salvador Illa, estivo en Santiago coa súa actual responsabilidade, secretario xeral do PSC. Fíxoo para reunirse co seu homólogo do PSdeG, Valentín González Formoso, e acordar un documento conxunto, “Por unha España plural”, co que queren “compartir o ideario e as liñas de acción política e social” das dúas formacións. 

O documento [aquí o PDF íntegro] defende o federalismo que ao seu ver supón o Estado das Autonomías, que queren seguir potenciando, aínda que admite “eivas” en materia de coordinación territorial ou financiamento. 

Salvador Illa e Valentín González Formoso, este mércores en Santiago © PSdeG

Formoso defendeu “o ideario federal socialista” tanto fronte aos “secesionistas e rupturistas que prefiren as vías unilaterais” como á “dereita e a estrema dereita que propoñen a desaparición dun sistema que permite conciliar a identidade territorial e os sistemas culturais cun encaixe nun Estado forte”. Pola súa banda, Illa salientou as coincidencias entre as dúas organizacións, “sinaladamente no feito de que España atopa fortaleza no recoñecemento da diversidade e da pluralidade”. Tanto Galicia como Cataluña, engadiu, comparten o carácter territorial histórico, a lingua propia e características propias do eido periférico de España.

O documento di que os socialistas non está “nin nas posicións daqueles que defenden a secesión, o independentismo, a autarquía ou simplemente que non recoñecen as bondades das organización internacionais (UE, NATO, ONU, etc) e se poñen de perfil diante da invasión de Ucraína, nin tampouco estamos nas posicións dos que reivindican un Estado sen autonomías, nin autogoberno, que son nostálxicos do estado unitario predemocrático”. 

O acordo sinala que “o modelo autonómico español foi un éxito” pero admite que debe ser perfeccionado “xa que seguen sen resolverse vellos problemas e algún novo derivado de máis de 40 anos de experiencia”, entre os que apunta “un Senado que non foi capaz de consolidar a súa vocación de cámara de representación territorial”, “un modelo de financiamento que segue producindo insatisfaccións importantes”, “a debilidade dos mecanismos de cooperación e de coordinación” e “unha excesiva complexidade e conflitividade xurídica na repartición competencial e en consecuencias, ás veces, unha confusa acumulación de institucións no exercicio de prestacións públicas comúns”. E xunto con esas eivas advirte fronte ás “pulsións” do secesionismo e da recentralización.

Salvador Illa e Valentín González Formoso, este mércores en Santiago co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo © PSdeG

Formoso reclamou a Feijóo que remate coa "provisionalidade" na Xunta e Illa que o PP se sume ao acordo polo catalán no sistema educativo de Catalunya

Máis alá do acordo e o documento publicitado este mércores, Formoso reclamou a Feijóo que “acabe coa situación de provisionalidade canto antes” para rematar co relevo no goberno galego e priorice “as necesidades da sociedade e dos sectores afectados” polo “peor momento dos últimos 25 anos”. Nesa liña, reivindicou “medidas de apoio para solventar a situación que poidan aparecer no DOG o máis rápido posible”.

Pola súa banda, Illa reclamou ao novo presidente do PP estatal que a súa formación se sume ao “acordo amplo” para “preservar o catalán como centro de gravidade do sistema educativo” naquel país. Illa tamén puxo en valor os resultados municipais dos socialistas galegos, “que gobernan 3 das 4 deputacións provinciais, 111 alcaldías que representan o 65 por cento da poboación galega, incluíndo 5 das 7 grandes cidades”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.