Ribadeo retira por unanimidade o título de alcalde honorario a Franco tras descubrir unha investigación histórica que aínda permanecía

Imaxe histórica de Ribadeo, custodiada no Arquivo Histórico Provincial de Lugo e pertencente á colección de postais Arribas CC-BY-NC-ND Europeana / Galiciana

O historiador Xosé Isidro Fernández Vilalba presentou recentemente a obra Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo, na que aborda diversos fitos históricos da contorna. Nun dos capítulos céntrase nas actas municipais do Concello de Ribadeo entre 1936 e 1940, documentos que reflicten parte do acontecido no consistorio dende o golpe de Estado ata a instauración da ditadura. Entre estes feitos figura o recoñecemento de Francisco Franco como alcalde honorario, decisión adoptada por aclamación o 6 de xullo de 1939.

Tras este achado, o goberno municipal ribadense pediu aos técnicos municipais que comprobasen se a honra oficial para o xeneral golpista seguía vixente. "Efectivamente, así o comprobamos" e "evidentemente, o nomeamento de alcalde honorífico é unha exaltación á figura do ditador que debe ser retirada" polo que supón política e socialmente, mais tamén en cumprimento da lei da memoria histórica, sinala o alcalde, Fernando Suárez (BNG). A proposta da Alcaldía saíu adiante no pleno desta semana por unanimidade.

Casa do Concello de Ribadeo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Agremon

Franco, sinala a iniciativa aprobada, "non pode nin debe ostentar este título honorífico" en tanto que "accedeu á Xefatura do Estado por medio dun golpe contra os seus superiores militares" como "vía para tomar o poder político, subvertendo a democracia e asasinando e perseguindo a milleiros de persoas" para "establecer un réxime ao estilo dos fascismos dos anos 30", os mesmos que foron os seus aliados "ata que foron derrotados polas democracias en 1945". "O mantemento desta honra -prosegue- é incompatible coa Constitución" e a lei da memoria histórica".

"Manter as honras a Franco supón un insulto para a democracia e para as autoridades lexítimas do Ribadeo democrático de 1936 e para as vítimas" e retiralas supón "unha obriga moral e legal", subliña a proposta da Alcaldía aprobada polo pleno

Neste sentido, indica o texto, a declaración de fillo adoptivo ou alcalde honorífico está reservada par "persoas que destaquen polas súas calidades, méritos persoais ou servizos prestados en beneficio e honra á vila", feitos que "evidentemente, un ditador, promotor e executor dun golpe de Estado e das matanzas e persecucións que desencadeou", non pode ostentar. "Manter as honras a Franco supón un insulto para a democracia e para as autoridades lexítimas do Ribadeo democrático de 1936 e para as vítimas", polo que retiralas supón unha "obriga moral e legal", tamén para a memoria das 126 persoas que, segundo a base de datos Nomes e voces, sufriron a represión franquista en Ribadeo.

Baixo esta exposición de motivos, a corporación de Ribadeo, "representando a vontade lexítima e democrática do pobo", aprobou "revogar e deixar sen efecto" o acordo plenario daquel 6 de xullo de hai 85 anos, retirando o recoñecemento de alcalde honorario ao ditador. Todo, "por ser incompatible coas leis democráticas vixentes e como símbolo de xustiza e reparación". A iniciativa tivo os votos a prol do BNG (7 edís), do PP (4) e do PSdeG (2).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.