Rueda celebra que sexa posible "derrubar inercias" políticas "construídas durante décadas"

Rueda, cos presidentes e presidenta do PPdeG na Coruña, Lugo e Ourense e a secretaria xeral da formación (dereita), este 20 de xuño na Xunta Directiva do partido CC-BY-SA PPdeG

Alfonso Rueda non participou na campaña do PP para as eleccións andaluzas. Acabado de chegar á presidencia da Xunta e do seu partido en Galicia, Rueda argumentou que, malia recibir un convite para acudir, "apenas tres semanas" despois de coller as rendas do Goberno galego e despois da súa campaña interna, cumpríalle "aproveitar o tempo" e non implicarse nunha carreira electoral doutra autonomía, á que apenas dedicou unhas cantas mensaxes nas redes sociais.

A súa ausencia física na campaña de Andalucía non impediu que Rueda se sumase o pasado luns aos parabéns ao seu compañeiro Juan Manuel Moreno pola maioría absoluta acadada, a mesma que outorga ao líder andaluz os galóns de principal barón territorial do partido en contraposición ou competición coa madrileña Díaz Ayuso. Ese título interno viñérao ostentando nos últimos anos Alberto Núñez Feijóo e, cando menos de momento, é o único que Rueda non herdou.

Alfonso Rueda intervén no Comité de Dirección do PPdeG o pasado luns CC-BY-SA PPdeG

O día despois do triunfo sen precedentes do PP andaluz foi, en calquera caso, de celebración tamén no PPdeG. Dende primeira hora, a través da súa secretaria xeral, Paula Prado, os conservadores galegos amplificaron o relato segundo o cal Feijóo está máis preto de gobernar España. Pola tarde, reuniron os seus máximos órganos entre congresos (Comité de Dirección e Xunta Directiva), onde foi o propio Rueda quen secundou a celebración. É de celebrar, di o agora presidente galego, que sexa posible "derrubar as inercias" políticas construídas "durante décadas". Que o faga o PP en Andalucía fronte ás "inercias" do PSOE. Porque en Galicia son precisamente BNG e PSdeG quen apelan á mudanza.

O presidente da Xunta e dos populares galegos insiste en que a súa elección como substituto de Feijóo foi un "exemplo de unidade" e prevé ter designados candidatos ás municipais nas principais cidades durante o verán

Defende Rueda que Moreno logrou facer "realidade" o que "antes parecía política ficción", isto é, desbancar os socialistas do seu feudo histórico. Un dominio posiblemente só equiparable, por prolongado, ao do PNV en Euskadi e ao do PP en Castela e León e na propia Galicia. O líder do PPdeG di estar tamén convencido de que o resultado andaluz supón tamén unha "mensaxe clarísima dos españois a Pedro Sánchez".

Alén da celebración e de tentar encaixar para Galicia o relato do PP andaluz -baseado nas bondades de desaloxar do poder a quen acumula décadas de goberno-, a intervención de Rueda ante os seus tivo, sobre todo, clave local. Non en van, as municipais de 2023 serán o primeiro reto electoral que teña que asumir en primeira persoa como presidente do partido. Neste sentido, avanza que será durante o verán cando sexan designados os cabezas de cartel do PP nas sete principais cidades nun contexto no que di aspirar a "maiorías sólidas" en múltiples concellos.

Rueda aproveitou tamén a súa intervención para volver facer fincapé no seu propio proceso de elección. Ante os líderes locais e provinciais, insiste en que a sucesión de Feijóo foi un "exemplo de unidade" para "superar probas tan complicadas como é unha sucesión en tan pouco tempo". Porque o PP, repite, está "forte e unido" en Galicia malia á marcha de Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.