Rueda, co pai senador e vicepresidente de Deputación, ponse como exemplo de dificultades económicas para estudar unha carreira

Rueda no Pazo de Fonseca con estudantes universitarios este venres © PPdeG

O candidato popular reúnese con estudantes para prometer matrículas gratuítas e salienta o "esforzo" dos seus pais con tres fillos universitarios cando o seu proxenitor era un destacado alto cargo do PPdeG

"Quen me ía dicir a min, que estudei aquí, que volvería como candidato á presidencia da Xunta". Así comezou este venres, primeiro día de campaña, o popular Alfonso Rueda a súa intervención nun acto no Pazo de Fonseca, sede principal da Universidade de Santiago, no que reiterou a súa promesa electoral de facer gratuítas as primeiras matrículas "en todos os graos e todos os cursos", ao que o PP se opuxera cando o pediron BNG ou PSdeG

No acto, Rueda presentouse a si mesmo e á súa familia como exemplo de dificultades para estudar unha carreira universitaria, o que fixo a finais dos anos 80. Mentres, o seu pai era senador despois de ser vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Rueda no Pazo de Fonseca con estudantes universitarios este venres 2 de febreiro de 2024 © PPdeG

O acto convocado este venres, de menos de 15 minutos, foi pouco máis ca unha foto no claustro de Fonseca rodeado dunha quincena de estudantes afíns ao PP. Eles e elas non falaron, só o fixo Rueda, quen para defender a gratuidade das matrículas universitarias de calquera estudante, con independencia dos ingresos, tirou do seu propio pasado. O popular salientou que son catro irmáns, el e outros dous con idades moi próximas, separados por apenas un ano. Por iso salientou o "esforzo dos meus pais, con tres fillos estudando ao mesmo tempo na universidade".

Cando Rueda cumpriu 18 anos o seu pai xa levaba catro anos como senador, escano no que seguiría outros tres anos máis

Rueda, nacido en 1968, cumpriu 18 anos en 1986. Para daquela o seu pai, José Antonio Rueda Crespo, xa levaba catro anos como senador, escano no que seguiría outros tres anos máis. Ademais era concelleiro e vicepresidente da Deputación de Pontevedra (con Mariano Rajoy como presidente) desde 1983. E tras deixar o Senado aínda sería recuperado polo PP como xefe provincial de Costas.

Rueda con estudantes universitarios este venres © PPdeG

No acto deste venres na universidade Rueda lembrou que as taxas universitarias levan anos conxeladas en Galicia e tamén prometeu construír máis residencias universitarias, "conscientes do problema de vivir onde se estuda".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.