Rueda evita a autocrítica sobre os incumprimentos do plan de saúde mental revelados polo Consello de Contas

Rueda chegando á sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Pontón lamenta "que a túa saúde mental dependa da túa conta bancaria" e critica o aumento da lista de espera nese eido

A sesión de control ao Goberno galego deste mércores no Parlamento de Galicia enfocouna a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no plan de saúde mental da Xunta, que o Consello de Contas vén de analizar concluíndo que non cumpriu os seus obxectivos, como tamén critican profesionais do sector. Porén, a resposta do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitou calquera tipo de autocrítica.

Ana Pontón na sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

O informe de Contas sobre o plan de saúde mental da Xunta sinalou, entre outras eivas, que foi elaborado sen ter en conta a realidade social e económica, que aumentaron as listas de agarda e o consumo de antidepresivos ou que hai desigualdades no acceso a servizos de saúde mental especialmente en Lugo e Ourense. 

Ante estas conclusións do ente fiscalizador, Pontón cualificou o plan da Xunta como unha "gran mentira" e puxo o foco en que haxa máis lista de agarda e que en 2023 se emitiron en Galicia máis de 8 millóns de receitas de ansiolíticos e antidepresivos. "Non pode ser que a túa saúde mental dependa da túa conta bancaria, de que teñas recursos para pagar unha consulta privada", lamentou a nacionalista.

Rueda acusou a Pontón de utilizar os enfermos mentais, nunha sesión de control na que o PSdeG tivo que ceder a súa quenda de pregunta a Democracia Ourensana

Na súa resposta Rueda acusou a Pontón de utilizar os enfermos mentais para criticar a Xunta e asegurou que o informe de Contas eloxia as contratacións realizadas polo Sergas no eido da saúde mental -o documento constata que se contrataron máis psiquiatras e psicólogos do previsto pero moitos menos profesionais doutras especialidades-. 

Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensana, na sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

"Somos conscientes do problema e estamos poñendo solucións", dixo Rueda sobre a cuestión, defendendo que o ano pasado o Sergas tratou "máis do dobre de persoas que en 2010" por cuestións relacionadas coa saúde mental.

Na sesión de control deste mércores non formulou pregunta o PSdeG ao ser obrigado a ceder a súa quenda ao deputado de Democracia Ourensana, que só ten dereito a preguntar unha vez cada varios meses. A súa pregunta foi polas xestións da Xunta para que emigrantes galegos de éxito se impliquen na transformación de minerais estratéxicos en Galicia. Rueda acolleu a súa proposta de xeito positivo e contrapúxoa coas críticas de BNG e PSdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.