Rueda insiste en defender "a cultura do esforzo" na mocidade e Besteiro veo "soberbio e desconectado da realidade"

Rueda na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente anuncia unha "axuda directa para emancipación" da que nada dixo un día antes ao detallar as principais medidas do próximo ano

"Eu falo moito da cultura do esforzo porque creo nela". Así respondeu este mércores no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aos reproches que lle dirixiu o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, por dicir un día antes na mesma Cámara que grazas ás súas políticas en materia de ensino a mocidade galega xa só depende "do esforzo que cadaquén faga" e non da súa capacidade económica. Tras esa afirmación lanzada nunha longa intervención o martes na que supostamente avanzou as principais medidas incluídas pola Xunta nos seus orzamentos para o próximo ano, 24 horas despois Rueda anunciou este mércores que o próximo ano as contas públicas incluirán "por primeira vez" unha "axuda directa para emanciparse".

Mención de Rueda á "cultura do esforzo" da mocidade, este 8 de outubro durante a súa comparecencia no Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

O martes Rueda asegurou, en defensa das súas políticas en materia de ensino, coa gratuidade das matrículas "desde a gardería ata a universidade", que son unha proba de que Galicia "aposta pola mocidade" e de que esta "non depende xa da capacidade económica" senón que "depende do esforzo que cadaquén estea disposto a facer". Este mércores Besteiro xa tiña prevista unha pregunta directa ao presidente na sesión de control periódica á Xunta sobre as políticas para a mocidade, así que o socialista aproveitou para reprocharlle as palabras do día anterior.

"Onte non estivo moi afortunado", dixo Besteiro, que afeou a Rueda que fixese ver que o económico non é un problema para a mocidade e "que agora cada un co seu propio esforzo" por facer o que queira. "É un pouco soberbio, creo que se equivocou e sobre todo que está desconectado da realidade, do que sofren moitos mozos e mozas", sentenciou o socialista. 

Besteiro amosando a Rueda un gráfico sobre políticas de vivenda da Xunta, outro dos problemas da mocidade CC-BY-SA PSdeG

"Non son consciente de ter dito as cousas que di vostede", respondeu Rueda, que insistiu en defender a súa postura. "Eu falo moito tamén da cultura do esforzo porque creo nela", dixo, ao tempo que asegurou traballar para "que as diferenzas económicas non sexan o importante en Galicia e a mocidade chegue a onde queira chegar". 

O presidente avanza que a axuda á emancipación da mocidade non irá dirixida a gastos de alugueiro ou hipotecas, pero non aclara o obxectivo

O presidente asegurou que a Xunta ten "moitísimas medidas para a xente moza para conseguir a súa emancipación, que sexan independentes", pero a continuación anunciou unha medida que de xeito indirecto vén admitir que as medidas actuais son insuficientes e que a mocidade si ten problemas económicos máis alá do seu esforzo. Un anuncio que tamén supón unha emenda aos anuncios que lanzara o día anterior durante o seu discurso dunha hora e media e que presentara como as principais medidas coas que contarán as contas públicas para o próximo exercicio. 

"O ano que vén nos Orzamentos por primeira vez haberá unha axuda directa para emanciparse", proclamou, avanzando que non irá dirixida a gastos de alugueiro ou hipotecas, pero sen aclarar o destino concreto desa subvención para a mocidade.

Pontón nunha imaxe de arquivo nunha sesión de control © Parlamento de Galicia

Rueda e Pontón enléanse cos informes sobre a AP-9

A sesión de control deste mércores tamén deixou un debate entre Rueda e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre o que están a facer os dous respectivamente para lograr a xestión galega da autoestrada AP-9 ou rebaixas nas súas peaxes. En concreto, os dous botáronse en cara a autoría dos respectivos informes sobre o que custaría o rescate da concesión encargados polo Goberno galego á consultora Eptisa, que fai traballos para a propia Audasa, e polo BNG ao seu ex-portavoz Carlos Aymerich.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.