O terceiro discurso de Fin de Ano do presidente pon o foco na educación e promete "seguir facendo de Galicia unha excepción de serenidade, responsabilidade e altura de miras"
A Biblioteca de América da Universidade de Santiago, no Pazo de Fonseca, foi o lugar escollido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para a súa terceira mensaxe de Fin de Ano. Desde alí puxo o foco na educación como "clave para o progreso dun país", que ligou con novas oportunidades laborais, entre elas as industriais. E en pleno debate sobre a fábrica de Altri, pero sen citala, ofreceu "recursos naturais" e "talento" para "os proxectos que queiran instalarse aquí en Galicia, e que por suposto terán que respectar o noso medio ambiente e a nosa contorna".
Tras as súas dúas primeiras mensaxes de Fin de Ano con ton estatal ou preelectoral, este terceiro discurso televisado de Rueda centrouse máis nas políticas da Xunta, comezando pola educación. Dela salientou o feito de que en Galicia "todas as etapas educativas sexan totalmente gratuítas, desde que entramos á escola infantil ata que rematamos un grao ou un ciclo cun título debaixo do brazo". Unha gratuidade das matrículas universitarias implantada no último ano tras negarse o PP cando o pedía a esquerda.
Rueda admite que a vivenda "é o punto de partida para calquera proxecto vital"
O presidente ligou a educación coa posibilidade de que en Galicia haxa "sitio para todos os tipos de vida, para todas as ilusións e para todas as lexítimas ambicións de prosperar". "Pero para iso é necesario que en Galicia haxa postos de traballo de calidade e ben remunerados, e en todos os sectores", engadiu, ante o que salientou que o país ofrece esa posibilidade porque "aquí hai recursos naturais, temos moitísimo talento, temos infraestruturas e solo industrial para os proxectos que queiran asentarse aquí en Galicia, e que por suposto terán que respectar o noso medio ambiente e a nosa contorna".
Rueda tamén salientou a recente aposta da Xunta pola vivenda, "porque ese é o punto de partida para calquera proxecto vital", e tivo verbas de lembranza tanto para emigración galega como para a inmigración ou os retornados.
En clave máis política o presidente apostou polo autogoberno "sempre dentro do marco da Constitución e co obxectivo do ben común" e lembrou as eleccións galegas celebradas a comezos de 2024, cando Galicia "escolleu o camiño polo que quería seguir avanzando". Ante eses resultados, Rueda prometeu "seguir facendo de Galicia unha excepción de serenidade, unha excepción de responsabilidade e unha excepción de altura de miras".
"Deséxovos a todas e todos un feliz e venturoso Aninovo que estea cargado de ilusións, de retos e do cariño dos vosos", rematou o presidente.