Novo paquete de axudas para paliar a crise de prezos e enerxética ás portas dos meses máis fríos. O presidente do Goberno de España acudiu este xoves ao Congreso a comparecer sobre os contidos do último Consello Europeo e mais a respecto das medidas do Executivo do PSOE e Unidas Podemos "para dar resposta á crise provocada pola guerra da Ucraína" e deixou na tribuna varios anuncios concretos en forma de achegas para pagar a luz e a calefacción.
O bono social eléctrico pasará a cubrir ata o 80% e poderá solicitalo máis poboación
Como informa infoLibre, entre os anuncios do mandatario socialista destaca unha ampliación do bono social eléctrico, ao que actualmente están acollidos 1,3 millóns de fogares en todo o Estado. As persoas consideradas "consumidoras vulnerables" verán ampliado o desconto na factura da luz do 60% ao 65% e na categoría de vulnerabilidade severa sube do 70% ao 80%. Sobe, ao tempo, un 15% a enerxía incluída no desconto. [Consulta aquí os requisitos para acceder ao bono]
Ademais, concreta Moncloa, "crearase temporalmente unha nova categoría de consumidores eléctricos con dereito a un desconto do 40%" que, segundo Sánchez, chegará a arredor dun millón e medio de fogares. Adicionalmente, o bono social térmico (para sufragar gastos de calefacción) pasa de ser dun mínimo de 35 euros a un mínimo de 40 e o tope de 350 euros ascende a 375. A referencia do mínimo, sinala o Goberno de España, é o custo "de dúas bombonas de butano".
As caldeiras centralizadas de gas natural poderán acollerse a unha nova tarifa regulada
Sánchez avanza tamén que o seu gabinete se dispón a crear unha nova tarifa regulada "para as comunidades de veciños con caldeiras centralizadas de gas natural" e que chegará, como mínimo, ata finais de 2023. Trátase, explicou, de "limitar o incremento trimestral dos prezos" tamén neste eido. Calcúlase que atinxirá a arredor de 1,7 millóns de fogares, que experimentarán "unha redución de máis da metade dos seus recibos a respecto do que pagarían no mercado coas facturas actuais".
"Necesitamos impostos"
Como informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre, Sánchez realizou estes anuncios no marco dun discurso no que situou o principal grupo da oposición, o PP, nun "negacionismo" da realidade, centrado en "acosar e tratar de derrubar o Goberno" aínda que iso implique, reprochou, mesmo ir á contra da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, ex-ministra alemá de Defensa con Angela Merkel e membro do Partido Popular Europeo. Non en van, lembrou, Von der Leyen vén asumindo medidas defendidas polo Executivo español como "desligar a influencia dominante do gas sobre o prezo da electricidade" mediante "unha reforma profunda e integral do mercado eléctrico" ou "limitar os ingresos de empresas que producen electricidade a baixo custo".
Tamén censurou Sánchez a postura dos de Alberto Núñez Feijóo -ausente no debate, ao non ser membro do Congreso- en materia fiscal. "Necesitamos impostos; que hipocrisía a de quen pedían máis ao Estado e agora, superada a pandemia, esixen menos Estado", censurou despois de que varios gobernos autonómicos, entre eles o galego, anunciasen rebaixas de impostos ás rendas máis elevadas.
O presidente do Goberno de España lamenta que o PP de Feijóo se desmarque de medidas como a reforma do mercado eléctrico ou os límites aos ingresos das enerxéticas malia asumilos mesmo a Comisión Europea
"Grazas ao Estado do Benestar, os españois hipotécanse por comprar un coche ou unha casa, pero nunca por un tratamento de cancro", ilustrou antes de lamentar que "as receitas de Feijóo" sexan "iguais que as de Rajoy: volta ao pasado, ao peor dos pasados, precariedade". Mentres, di, o Goberno do PSOE e UP fai unha aposta polos servizos públicos que require dun sistema fiscal "de primeira división", non "de terceira rexional".
Como corresponde ao formato da comparecencia, a intervención de Sánchez tivo lugar a unha quenda dos representantes dos grupos parlamentarios, entre eles o deputado do BNG. Néstor Rego reclamou "reformas estruturais imprescindibles", como "a nacionalización das grandes eléctricas". Ademais, defendeu, "o BNG ten claro que é prioritario reforzar as políticas sociais no canto de incrementar
o gasto militar".