Sánchez e Díaz aproveitan a censura da extrema dereita para enxalzar a coalición ante o ciclo electoral

Ramón Tamames, Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, durante a primeira xornada de debate da moción de censura no Congreso © Congreso

O debate da segunda moción de censura presentada pola extrema dereita no que vai de lexislatura estatal comezaba o pasado martes no Congreso con varias incógnitas, pero ningunha sobre o resultado. Malia á intención do PP de absterse e non votar en contra, como fixera -aínda con Pablo Casado- coa primeira censura de Vox formulada en 2020, dende o inicio non existía dúbida ningunha de que este mércores vai decaer o que formalmente é a iniciativa para situar a Ramón Tamames, antigo militante comunista e do CDS, como substituto de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España.

Con esa cuestión a priori central resolta antes de que ningún dos contendentes dixese unha soa palabra, quedaba claro que o debate ía servir, dalgún xeito, para trazar as liñas do campo de xogo do ciclo electoral que comeza nas municipais -e autonómicas nunha decena de territorios- do 28M e que ten a súa cita central nas xerais previstas para finais do outono. E así foi. Pero non nos termos desexados por Vox nin tampouco polo PP do ausente Alberto Núñez Feijóo.

Como informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre, tanto o presidente Sánchez como a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aproveitaron a censura para enxalzar o Goberno de coalición da esquerda ante o ciclo electoral e destacar o seu labor fronte ás teses neoliberais das dereitas. Sánchez e Díaz, con estratexias coordinadas, interviñeron no nome do Goberno e, dalgún xeito, presentáronse como dupla electoral para a avaliación da coalición nas urnas, como equipo político "progresista" malia ás diferenzas e mentres aínda está por resolver a eventual confluencia do proxecto Sumar de Díaz con Podemos.

Pedro Sánchez e Yolanda Díaz afrontaron a moción formulada por Vox con discursos coordinados para trazaren as liñas do campo de xogo electoral e confrontar medidas como a suba do salario mínimo, as reformas laboral e das pensións ou a nova lei do aborto fronte á "nada" e ao "odio" da extrema dereita. Todo, con Feijóo ausente

Segundo fontes que cita infoLibre, Sánchez e Díaz pecharon nos días previos ese reparto harmonizado de papeis para transmitiren unha idea común: o Executivo do PSOE e UP ten moito que defender da súa propia xestión e aínda ten moito que facer nunha segunda lexislatura. Enfronte, un proxecto da "nada" que necesariamente pasaría por unha alianza de Vox co PP do ausente Feijóo -o ex-presidente, como senador, tiña a opción de estar presente no debate, pero optou por non facelo e acudir a un acto á embaixada sueca en Madrid-.

Suba do salario mínimo, reformas laboral e das pensións, nova lei do aborto, a protección dos ERTE durante a pandemia, loita contra o cambio climático ou subas fiscais ás rendas máis altas foron algunhas das medidas esgrimidas por presidente e vicepresidenta fronte ao "show" dos ultras, en verbas de Sánchez. "Para que serve Vox?" alén do "odio", e da "brutalidade"?, preguntouse o socialista nunha sesión que mesmo serviu para procurar suturar algunhas feridas internas da coalición nas últimas semanas a conta dos enfrontamentos entre socios por normas como a lei de liberdade sexual. Neste sentido, Sánchez apelou directamente a Santiago Abascal, encargado de presentar a moción antes do discurso de Tamames, para instalo a retirar os insultos de "tolas" que dirixiu ás ministras Ione Belarra e Irene Montero nas últimas semanas.

Sánchez remarcou as diferenzas entre os dous modelos políticos antes da intervención dun Tamames que leu a intervención dende un escano -dados os problemas de mobilidade que padece pola súa avanzada idade- e que saltou a parte principal que vendera Vox: a esixencia dunhas eleccións xerais anticipadas cando resta pouco máis de medio ano de lexislatura. Como informa Fernando Varela para infoLibre, o fracaso da estratexia trazada pola extrema dereita fíxose evidente nas súas propias bancadas, cos deputados desexando que o pleno rematase e algúns deles, visiblemente contrariados á vista de que o seu candidato apenas tomou a palabra para defender a censura unha vez lido parcialmente o discurso.

Foi tras esa lectura e antes das quendas dos grupos parlamentarios cando interveu Díaz para dar a réplica do Goberno. En vésperas da presentación de Sumar, proxecto que a dirección do PSOE ve clave para manter o Goberno tras as eleccións xerais, a dirixente galega tivo xestos para as ministras de Podemos, pero tamén eloxios para o labor da parte socialista do Executivo, alén de reprochar o carácter atrasado do discurso da extrema dereita que, destacou, non presentou programa de goberno ningún, senón unha moción "destrutiva". Outra das claves do seu retruque a Tamames, visiblemente incómodo, foi reprocharlle que ignorase o papel das mulleres en catro décadas de democracia, informa Marta Monforte.

Xa pola tarde chegaron as intervencións dos representantes dos grupos parlamentarios, aos que Tamames non respondeu na súa condición de candidato ata este mércores -conxuntamente e non a cadaquén-, na segunda xornada do debate. Unha delas foi a do deputado do BNG, Néstor Rego.

Para o parlamentario do Bloque, a moción de censura "responde exclusivamente á axenda política e mediática da ultradereita na súa estratexia de extensión das políticas de odio, baseadas en cuestionar os dereitos das mulleres, do colectivo LGTB, dos inmigrantes e dos pobos que, como Galiza, estamos integrados no Estado español, negando a nosa condición de nación, a nosa lingua e a nosa cultura". Neste contexto, salientou, Vox carece de representación en Galicia e, augura, continuará na "marxinalidade".

No Goberno de España a sensación ante o acontecido é de "satisfacción". "Saímos máis fortes e o Goberno, máis cohesionado" tras unha moción que foi rexeitada por ampla maioría absoluta malia á abstención do PP

No Goberno de España, informa infoLibre, a sensación ante o acontecido é de "satisfacción". "Saímos máis fortes e o Goberno, máis cohesionado", indican fontes da Moncloa próximas ao presidente Sánchez, que tomou "moi en serio" o debate e por iso, din, pronunciou intervencións prolongadas. Coidan que a reforma das pensións e agora, o debate da moción de censura, rearman o bloque da investidura tras as sacudidas dos últimos meses. 

Feijóo, pola súa banda, tampouco asistiu este mércores á sesión malia ser a quenda da súa voceira, Concepción Cuca Gamarra. Finalmente, o PP mantívose na abstención no canto de votar en contra como fixera en 2020. Así, a a moción de censura caeu derrotada por ampla maioríaa bsoluta, pero con menos votos negativos pola decisión da dirección popular agora encabezada polo ex-presidente da Xunta: 201 votos en contra, 52 a prol (os da formación de extrema dereita e os dun tránsfuga ex-membro de C's) e 91 abstencións do PP e os seus grupos aliados.

Retransmisión ao vivo da segunda xornada do debate da moción de censura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.