Sánchez non contempla a mobilidade entre comunidades ata o 21 de xuño e Feijóo suxire adiantala con Asturias

Reunión de Feijóo por videoconferencia con Pedro Sánchez e o resto de presidentes autonómicos CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente do Goberno central anuncia que 225.000 persoas xa cobrarán o 26 de xuño o ingreso mínimo vital en todo o Estado e o galego críticalle diversas medidas económicas

A entrada de Galicia este luns na Fase 3 do desconfinamento permitirá a mobilidade entre as catro provincias, pero esta aínda non será posible con outras comunidades autónomas máis alá das excepcións por motivos laborais ou outros xa contempladas ata agora. Este domingo, tras unha nova reunión por videoconferencias dos presidentes autonómicos co do Goberno central, Pedro Sánchez, este asegurou que non contempla os desprazamentos entre comunidades ata o remate do estado de alarma, o 21 de xuño. Ao tempo, nunha comparecencia simultánea, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, suxería a posibilidade de adiantar esa mobilidade entre Galicia e Asturias ao atoparse as dúas na mesma fase do desconfinamento, ao contrario que Castela e León, aínda en Fase 2.

Sánchez e Illa na reunión por videoconferencia cos presidentes autonómicos do 7 de xuño CC-BY-SA Praza Pública

Sánchez asegurou que esta semana o seu Goberno fará público o contido do decreto co que quere regular as restricións que permanecerán durante a denominada “nova normalidade” unha vez que as comunidades superen a Fase 3, paso que reiterou que queda en mans dos respectivos presidentes autonómicos. Porén, Feijóo reclamou que se concreten as competencias que agora terá na súa man e, ao tempo que insistiu na necesidade de que se abran máis pasos fronteirizos con Portugal e mesmo que se permita que algún aeroporto galego reciba voos internacionais, avanzou a súa intención de falar co seu homólogo asturiano, o socialista Adrián Barbón, para “avaliar” a mobilidade entre as dúas comunidades.

En materia económica, o presidente do Goberno central asegurou que o 26 de xuño, o día en que comeza a campaña electoral en Galicia e Euskadi, as primeiras 225.000 persoas cobrarán xa o seu primeiro ingreso mínimo vital en todo o Estado, dos máis de dous millóns de persoas ás que calcula que chegará esa nova medida.

Pola súa banda, Feijóo criticou na súa intervención diversas medidas económicas do Goberno central e reclamou outras. Atribuíu ao Executivo de Sánchez e as súas políticas o posible peche de diversas instalacións industriais como Alcoa ou outras instaladas no litoral, lamentou que os criterios de reparto dos fondos estatais polo coronavirus non teñan en conta os pacientes que o Sergas tratou a distancia senón só os hospitalizados, pediu que as comunidades poidan decidir a que destinan eses cartos e as áreas non estean condicionadas por Madrid e reclamou reducir o IVE ao turismo ata final de ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.