Sánchez perde a primeira votación da investidura e ten dous días para xuntar votos dabondo

Pedro Sánchez, intervindo dende o escano na segunda xornada do debate de investidura © Congreso dos Deputados

Pedro Sánchez fracasou na primeira votación da investidura ao non obter a maioría absoluta que requiría para saír do Congreso como presidente do Goberno de España con plenas funcións. A candidatura do aspirante socialista obtivo 124 votos a favor, 170 en contra e 52 abstencións. Unidas Podemos abstívose como un "xesto máis para seguir facilitando as negociacións". Se en corenta e oito horas o PSOE non logra máis votos afirmativos ca negativos, a investidura fracasará de vez, como xa acontecera ao propio Sánchez en 2016.

Unidas Podemos abstívose como "xesto" da vontade de seguir negociando un Goberno de coalición cos socialistas "ata o último momento"

"É certo que corro o risco de ser o candidato á presidencia que sofre dúas investiduras erradas. Sempre me atopo o mesmo obstáculo", expresou Sánchez no pleno en referencia a Unidas Podemos, en referencia ao "non" dos de Iglesias hai tres anos. Así e todo, desta volta UP optou pola abstención, decisión que a formación tomou durante a propia mañá deste martes. Mostra disto é que a súa voceira, Irene Montero, que solicitara o voto telemático e xa votara ás 9 da mañá, votou "non".

Nesta postura, no "non", estaba o grupo que encabeza Iglesias tras o tenso enfrontamento dialéctico con Sánchez na primeira xornada do debate. Agora, din, a abstención é un "xesto" máis que encadran nunha serie de "continuas cesións" para tentar lograr un acordo de Goberno de coalición "ata o último momento" .

Integrantes de Unidas Podemos, durante o debate de investidura de Pedro Sánchez © Congreso dos Deputados

A segunda xornada da investidura finalizou cunha distancia practicamente total entre PSOE e Unidas Podemos, pero cunha marxe de 48 horas para o entendemento. De producirse, os socialistas poden contar coa abstención e mesmo co voto a prol de ERC e tamén, cando menos, coa abstención do PNV. Nese escenario, a investidura mesmo podería achegarse á maioría absoluta, máis aínda porque o PSOE tamén está a negociar con Compromís, que mantén a "man tendida" para votar a prol. Pero o certo é que Sánchez só conseguiu por agora o apoio do deputado do Partido Rexionalista de Cantabria ademais dos 123 escanos socialistas.

Reproches dos potenciais aliados

Rufián (ERC), a Sánchez: "Ou é vostede un irresponsable ou quere ir a eleccións, e non sei que é peor"

Todos os potenciais aliados de Sánchez para sacar adiante a súa investidura este xoves reprocháronlle que non negociase dabondo e emprazárono a facelo nas horas que ten por diante. Ao longo do discurso, Sánchez asegurou que quere gobernar con Unidas Podemos: "Temos que facer un goberno posible, falar de contidos e de programa. Os ministros que senten nesta bancada non serán do PSOE nin de Unidas Podemos, serán ministros do Goberno de España".

O primeiro en intervir foi o portavoz de ERC, Gabriel Rufián, que considerou que Sánchez foi "un irresponsable e un imprudente" nas súas intervencións do luns. "Ou é vostede un irresponsable ou quere ir a eleccións, e non sei que é peor", subliñou: "Señor Sánchez, non sei. Primeira noticia: non ten maioría absoluta, non gañou o pasado 28 de abril por maioría absoluta. Que fai pedíndolle a abstención a Ciudadanos e PP, ao señor Casado e a Rivera?".

Aitor Esteban (PNV): "As oportunidades son como os amenceres; se un espera demasiado, pérdeos"

O portavoz republicano instouno a negociar con Unidas Podemos e reprochoulle que estivesen "a xogar ao póker coa ilusión de centenares de miles de persoas". "O pato", díxolle ao presidente en funcións, pagarao "a esquerda" nunhas novas eleccións. Aínda que lle dixo que non pode dar por feita a abstención de ERC o vindeiro xoves -de feito este martes os republicanos votaron en contra-, Rufián deixou claro que pola súa banda non se producirá o bloqueo. Este martes ERC e JxCat votaron na mesma dirección, aínda que a portavoz da formación de Puigdemont, Laura Borràs, deixou claro que rexeitará a Sánchez porque ten "155 razóns". "Quere gobernar, pero non quere escoitar", afirmou.

O PNV abstívose e recriminou a Sánchez que tivese pouca vontade de entendemento: "Terá que pór algo da súa parte para que se lle vote si". "As oportunidades son como os amenceres. Se un espera demasiado, pérdeos", avisou o voceiro vasco, Aitor Esteban. En referencia ás negociacións até agora frustradas, o portavoz nacionalista lembrou que para "acordar hai que ceder" en referencia á procura dun acordo con Unidas Podemos, aínda que tamén lle mandou un recado a Iglesias: "A avaricia rompe o saco".

A bancada do PSOE aplaude ao remate da intervención da súa voceira, Adriana Lastra © PSOE

Sánchez: "Algo me movín"

"Algo me movín, tentei chegar a un acordo", defendeuse ante as críticas de non buscar, en realidade, un acordo con Unidas Podemos. Neste sentido, o líder socialista advirte de que  o máis importante é o contido, son as políticas sociais e esas deberían ser o comezo", afirmou , que reprochou a Iglesias que deslice que "quere entrar no Goberno para pouco menos que ser o garda xurado" do PSOE.

Lastra (PSOE): "A esquerda sabe, pode e debe entenderse"

Xusto despois desas palabras, a voceira socialista, Adriana Lastra, tratou de baixar o ton: "Unidas Podemos foi o noso socio preferente e segue séndoo". "A esquerda sabe, pode e debe entenderse", dixo a número dous do PSOE, que asegurou que hai moito "ruído". Lastra deixou entrever a súa "vontade firme" de chegar a un entendemento que pase polo "recoñecemento da dignidade do adversario" e "ceder" por ambas as partes.

Sobre esta base, o reloxo das 48 horas para que se celebre a votación definitiva comeza a andar e, con el, a conta atrás para que PSOE e Unidas Podemos cheguen a un entendemento que parece complicado polo cruzamento de reproches e o atranco das conversas. As dúas partes aseguran, no entanto, ter vontade de levar a bo porto as negociacións. A hora da verdade, contra as dúas e media da tarde do Día Nacional de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.