Consciente e confiado de que o cambio é posible, Pedro Sánchez afánase e implícase nos últimos días da campaña galega para darlle un último pulo ao PSdeG e ao seu aspirante á Xunta, Gómez Besteiro. Desta vez foi na Coruña, como antes en Vigo ou Lugo, e antes do acto de peche de campaña que terá en Compostela o venres. Nun ateigado auditorio, o líder do PSOE e presidente do Goberno de España animou a votar os socialistas o 18F "como un dobre seguro". "Porque con ese voto seguro que vai haber cambio e porque ese cambio será seguro", dixo.
Sánchez anima a votar o PSdeG "como un dobre seguro": "Seguro de que vai haber cambio e de que ese cambio será seguro"
Sánchez chamou a "todos aqueles que pensen en votar polo cambio" a que "concentren o voto en que garante ese cambio e tamén gobernar o cambio". "Porque hai que saber gobernar o cambio", dixo quen apelou a un "PSdeG forte" tras o 18F. Ademais, o secretario xeral do PSOE cargou contra o candidato do PP, Alfonso Rueda, por non acudir ao debate deste pasado mércores. "Se alguén non é valente, non dá a cara e non traballa por merecer o voto, non merece ser presidente", dixo.
"Galicia precisa cambiar dun presidente ausente a un presidente valente", dixo no seu apoio a Besteiro o líder dun PSOE que bota toda a auga ao muíño, agora coa presenza do presidente do Goberno de España e logo de que varios ministros e ministras participasen en numerosos mitins na última semana. Conscientes da viraxe á campaña que supuxo a revelación por parte do PP dos seus ofrecementos a Junts para unha investidura de Feijóo, os socialistas confían en que esta semana impulse de vez a mudanza de goberno en Galicia.
"Galicia precisa cambiar dun presidente ausente a un presidente valente", di Sánchez
Un cambio de guión na campaña que lembra ao que sufriron os populares naqueles últimos días previos ao 23X, nos que algúns erros de Feijóo e a súa ausencia no último debate, ao igual que fixo Rueda co da RTVE este mércores, impediron unha maioría absoluta do PP que daban por asegurada.
Por aí atacou tamén Sánchez a Feijóo e ao PP. "Pola mañá negociando amnistías e indultos e polas tardes manifestándose contra os independentistas e chamándoos terroristas", dixo o líder do PSOE, que denunciou a "hipocrisía" dos populares e reclamou ao ex-presidente da Xunta que "pida perdón polo odio e as mentiras derramadas nos últimos cinco meses".
Elixiron o PSdeG e Sánchez o Ágora, entre o Ventorrillo e a Agra do Orzán, o barrio con maior densidade de poboación de Galicia. Zona obreira, popular, habitual feudo da esquerda nos comicios (superou aquí o 60% nas xerais) e con importante presenza migrante. Unha das tantas áreas urbanas que os socialistas deben mobilizar e arredar da abstención para aumentar as posibilidades de cambio en Galicia o vindeiro domingo.
Sánchez animou a conseguir que na Moncloa e na Xunta haxa "a mesma orientación política" para que "Galicia meta a directa"
A esa mobilización se refiriu tamén Sánchez, que chamou a falar "de aquí ao domingo" con coñecidos, familiares e veciños para repetir o apoio ao PSOE nas xerais. "Rematemos o cambio, cambiemos tamén Galicia votando ao que votastes o 23X e abriremos un tempo novo en Galicia", dixo quen lembrou a aposta do Executivo central por Navantia ou o "compromiso" con Alcoa.
Para Sánchez, para que Galicia "dea un paso de xigante", precisa "unha mesma orientación política na Moncloa e na Xunta con Gómez Besteiro". "Con fío directo" entre ambas administracións, dixo, "Galicia mete a directa". "Ímolo facer xuntos", dixo ao aspirante do PSdeG, de quen se mostrou "honrado e orgulloso" do aspirante á Xunta, con quen xogou ao baloncesto pouco antes do acto do Ágora nas instalacións deportivas da Torre.
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro, aspirante socialista á Xunta, augurou que "quedan tres días para espertar nunha nova Galicia, para deixar atrás esa casa de leas do PP". Ademais, apelou á mobilización —como no 23X, dixo— e a que "ninguén quede na casa". "Cada voto que quede na casa beneficia a Rueda e ás súa mentiras", dixo quen chamou ao voto "práctico, útil, dos que queren un cambio seguro, o do PSdeG".
"Que ninguén quede na casa, cada voto que quede na casa beneficia a Rueda e ás súas mentiras", di Besteiro
Acusou a Rueda de mentir e centrase en amnistía e Catalunya para logo "falar de amnistía e indultos con Puigdemont". "Está desconcertado, desnortado, afundido e ausente como no debate", engadiu quen cre que "cando un non dá a cara polos galegos e galegas, non merece ser presidente da Xunta".
"Quedan poucos días para ese ansiado cambio que tanto necesitamos e que vai chegar da man de Besteiro", dixo antes Inés Rey, alcaldesa socialista da Coruña, que asegurou que Galicia "leva quince anos en branco e negro" por culpa dunha Xunta do PP que "goberna para uns poucos".
"O voto das mulleres"
"Galicia non merece un presidente da Xunta que se agocha dos galegos e galegas, que non vai debater as súas propostas", dixo Rey, que denunciou "quince anos de recortes" por parte do Goberno galego. "Rueda é incapaz de mirar ás cidades... Nin un euro investido aquí", dixo en referencia á Coruña.
"Non hai cambio que non veña da man dos socialistas e non hai cambio que non veña das mulleres", dixo Rey, que avogou polo "voto das mulleres" e o "feminismo" para alcanzar a mudanza política en Galicia.
Pola súa banda, a número un do PSdeG da candidatura pola Coruña, Patricia Iglesias, dixo estar segura de que é "o momento do cambio" e que Galicia será "outra o vindeiro luns". Ademais, advertiu da necesidade de deixar atrás "unha Galicia gris" e un país "coa sanidade colapsada" e un goberno de "inacción" e "intereses particulares e clientelares". "Ese gris converteuse en negro da mentira e do engano", engadiu, en referencia ao recoñecemento, por parte do PP, das súas ofertas de indultos a Puigdemont para conseguir o apoio de Junts á investidura de Feijóo.