Hai catro anos, en xullo de 2020, o PSdeG tiña previsto pechar a súa campaña cara ás eleccións galegas nun mitin en Vigo coa presenza de Pedro Sánchez. Finalmente, o partido comunicou que unha avaría no avión no que o presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE ía viaxar a Galicia impedía a súa participación no acto.
Besteiro mantén que o PP "xa sabe" que "vai perder" a Xunta e o PSdeG "está a tempo" dunha "remonta" que o leve ata o Goberno galego
Catro anos despois, Sánchez regresou este 10 de febreiro a Vigo. Unha semana despois de facelo en Ourense, dúas semanas despois de estar en Lugo e en vésperas de participar en máis actos electorais, o líder socialista evidencia a súa aposta por redobrar o apoio á candidatura que encabeza un José Ramón Gómez Besteiro que se sitúa, admite ante a "semana crucial". Sete días nos que, mantén o candidato socialista á presidencia, o PP "xa sabe" que "vai perder" a Xunta e o PSdeG "está a tempo" dunha "remonta" que o leve ata o Goberno galego.
Ante unhas 1.600 persoas congregadas no Auditorio Mar de Vigo -en cuxo exterior unha reducida concentración de militantes da extrema dereita coreou consignas contra a amnistía-, Sánchez evidenciou que a mobilización do electorado que adoita votar socialista é o seu principal obxectivo cara ao 18F. Que non opte pola abstención, pero tampouco por outras opcións da esquerda. Porque, advertiu, "tan importante como votar o cambio" é "depositar o goberno do cambio" en "quen sabe gobernar o cambio".
Ante un Goberno do PP en Galicia que "xa non dá para máis" e un Rueda que opta pola "espantada" nos debates, Sánchez pide "concentrar o voto do cambio" en Besteiro que, di, terá "fío directo" coa Moncloa para "poñer a directa en Galicia"
Ante un goberno do PP en Galicia que "xa non dá para máis", o cal ve reflectido en feitos como a "espantada do PP e de Rueda" ante os debates electorais fóra da CRTVG, Sánchez pide "votar en masa para mandar o PP á súa casa" e "concentrar o voto do cambio" nun Besteiro que, mantén, se encabeza a Xunta terá "fío directo" coa Moncloa. "Iso vai significar poñer a directa en Galicia", e alargar, di, os efectos dos investimentos do Estado xa en marcha, dende os PERTE do naval e do sector pesqueiro aos "investimentos viarios e ferroviarios" ou o apoio ao naval.
Como o propio Sánchez, Besteiro tamén insta a lembrar o acontecido nas eleccións xerais para augurar "sorpresas" o 18 de febreiro. En xullo do ano pasado, evoca, "no PP xa se repartían as carteiras ministeriais" e rematou con Feijóo dicindo "no soy presidente porque no quiero". "A segunda parte" desa "serie", ironiza, chegará con Rueda afirmando "me voy de la Xunta porque quiero". "Ímolo facer de novo e imos gobernar Galicia", concluíu.
"Que todo Vigo lle vote!"
Se Sánchez garantiu apoio do Estado a un eventual Goberno do PSdeG en Galicia, Besteiro fixo o propio co goberno de Vigo. "Eu non lle vou fallar a Vigo" tras década e media, dixo, de "ataque constante do PP". "A Vigo non se lle pode poñer freo" porque "os retos de Vigo son os retos de Galicia". De aí, di, o seu "compromiso" por "potenciar Vigo e a provincia de Pontevedra como motor industrial do noso país", e tamén promesas concretas como apoiar dende a Xunta a remodelación do estadio de Balaídos.
"Eu non lle vou fallar a Vigo" tras 15 anos de "ataque constante do PP", promete Besteiro. "Os tempos son chegados", proclama Caballero, quen sinala que un Goberno do PSdeG na Xunta "é o mellor que lle pode pasar" á cidade
No seu discurso, Besteiro fixo propio en boa medida o reclamado previamente polo alcalde da cidade, Abel Caballero, encargado de abrir o mitin no marco dunha campaña na que está tendo un intenso papel. Nesta liña, "como militante do Partido Socialista", pero tamén "como alcalde", clamou con entusiasmo para que "todo Vigo lle vote" a Besteiro. "Os tempos son chegados, Rueda sábeo e o Bloque sábeo: Besteiro, vas presidir a Xunta", proclamou nun contexto no que, defende, "o mellor que lle pode pasar" a cidade e "a cada un dos concellos" do país é que o PSdeG goberne tras o 18F.
Despois de quince anos nos que "todo o que en Vigo estamos a facer está a ser parado pola Xunta", Caballero sinala os investimentos do Estado na cidade, dende a chegada de "75 millóns de fondos europeos" para diversos proxectos coma os PERTE do naval ou do automóbil ata o HALO, o "máis importante ascensor urbano do mundo", como mostra de que "seremos imparables" se Besteiro goberna. Para o HALO tivo tamén unha chiscadela o propio Sánchez: "Imos organizar unha visita oficial para velo os tres xuntos, dixo dirixíndose a Caballero e Besteiro: "o presidente da xunta, o alcalde de Vigo e o Goberno de España":