Ata o veto á publicación de enquisas, os datos amosaban un PP en cabeza pero á baixa e un BNG en forte crecemento. O panorama é complexo para o PSdeG, pero por factores inéditos, e observan que un esforzo no que resta de campaña pode ser clave para unha mudanza política pola que seguen apostando
Dende o pasado luns está prohibido, segundo o estipulado na lei electoral, que os medios de comunicación publiquen enquisas de intención de voto para as eleccións galegas do 18 de febreiro. Ese veto está vixente ata que o domingo pechen os colexios electorais, o cal non implica que as diferentes empresas demoscópicas non sigan traballando nin que algúns medios e a práctica totalidade de forzas políticas non sigan manexando enquisas, estimacións e trackings.
Ata a entrada en vigor da prohibición, as enquisas publicadas bosquexaban un panorama electoral co PP en cabeza e con moitas posibilidades de reter a maioría absoluta. Pero tamén cunha tendencia á baixa dos populares que podería chegar a poñer en perigo a reedición do Goberno, especialmente pola forte alza nas expectativas do BNG de Ana Pontón que, apuntaban eses inquéritos publicados, tamén pescaría entre electorado tradicionalmente socialista.
Nesta conxuntura, e ao contrario do que si sucedeu noutras convocatorias electorais galegas, a dirección federal do PSOE decidiu non afrouxar. Ao contrario. Tanto o presidente do Goberno de España e secretario xeral do partido, Pedro Sánchez, coma o ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero empréganse a fondo no apoio ao candidato do PSdeG á presidencia, José Ramón Gómez Besteiro. O panorama é complexo para o partido, analizan, pero por factores inéditos, e un esforzo na recta final pode ser clave para un cambio de Goberno que ven posible e polo que dan en apostar aínda que non o vaian encabezar.
Sobre o mitin de Besteiro e Zapatero en Lugo pairaba o acontecido nun restaurante da cidade hai poucos días: no PP "estiveron dicindo que rompía España" e "mentres se manifestaban, negociaban" con Junts
Neste contexto encádrase, por exemplo, a intervención de Zapatero no mitin celebrado polo PSdeG no serán deste martes en Lugo. Nunha cidade na que o ex-presidente é especialmente apreciado entre a militancia socialista e onde o partido xa observou como determinante a súa intervención en anteriores campañas -a comezar polas últimas municipais-, Zapatero advertiu de que "para dirixir un país" cómpre "ser decente como Pedro Sánchez e Besteiro, valente como Pedro Sánchez e Besteiro" para, por exemplo, participar nos debates electorais coma o deste mércores en RTVE, ao que Alfonso Rueda non acudirá.
"A alternativa para o cambio seguro en Galicia é o PSdeG e Besteiro", enfatizou nun contexto no que o 18F, coida, tamén cómpre votar "contra a hipocrisía e pola decencia". Sobre acto do PSdeG lucense pairaba o acontecido nun restaurante da propia cidade hai poucos días, cando o PP evidenciou ante unha ducia de xornalistas de medios con sede en Madrid que Feijóo estaría disposto a conceder un indulto ao ex-presidente catalán Carles Puigdemont baixo certas condicións. "É impresionante, estiveron dicindo que rompía España, que rompía o Estado de Dereito" e "mentres se manifestaban, estaban negociando" con Junts. "Están os guionistas de Netflix xa preparados para facer unha serie sobre o xantar de Feijóo" en Lugo, ironizou Zapatero.
Neste contexto e mentres "unha vez máis a mentira marca a forma de actuar do PP", Besteiro advirte de que o 18F é tamén a oportunidade de lograr un país con "máis emprego, máis dereitos e máis servizos públicos". No caso da provincia lucense, sinala, o proxecto do PSdeG pasa por "traer industria que xera máis empregos, mellores salarios, maiores cotizacións e maiores pensións" mediante "apostas" como "un grupo industrial lácteo de toda Galicia".
Besteiro promete "saír dos anos nos que mentres España medraba, Galicia miraba"
"A política son retos e os socialistas asumímolos" e o seguinte reto é "saír dos anos nos que mentres España medraba, Galicia miraba", conclúe o candidato. Besteiro, que este mércores participa no debate electoral de RTVE ao que tamén acode Ana Pontón e do que se ausenta Rueda, contará na recta final da campaña co apoio de Sánchez por partida dupla. Así, o presidente e líder socialista participará este xoves nun mitin na Coruña e pechará a campaña do PSdeG o venres en Santiago.