Durante a carreira electoral cara ao 18F, en Carretando foron debuxando os perfís dos principais candidatos e candidatas. Neste episodio achéganse a José Ramón Gómez Besteiro, cabeza de cartel do pSdeG.
Tras arquivarse as causas que o obrigaran a dimitir e logo de sete anos apartado da vida pública, Besteiro volveu ao lugar de partida, candidato á porta duns comicios galegos moi abertos. Da man dos xornalistas Cristina P. Marcote e Manuel Varela, este episodio repasa a traxectoria dun político cunha biografía que se resume no ascenso, a caída e a resurrección; con paralelismos ao Manual de resistencia do seu amigo Pedro Sánchez.
Nesta nova viaxe, explican dende Carretando, podes "coñecer polo miúdo a quen os seus chamaron o 'Messi da política galega'". Este e todos os episodios do podcast de Carretando están no seu Ivoox, Spotify e Apple Podcast. Podes seguir todos os seus contidos en X -si, o antigo Twitter-, Instagram e YouTube e apoiar o seu traballo a través de Patreon.