A Xunta de Galicia vén de detallar este luns os servizos mínimos que deberán manterse durante a folga xeral deste mércores 11 de novembro. A orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) establece as medidas e o número de efectivos necesarios para garantir a prestación de servizos considerados esenciais mentres se leva a cabo o paro convocado, entre outros, polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, CGT ou CNT, ademais de ser impulsado polo Sindicato de Inquilinas.
Así, no transporte público, nas liñas regulares non integradas de manos de 25 quilómetros a Xunta establece que deberá manterse o 50% das expedicións habituais en dúas franxas: entre as 6 e as 9 da mañá e entre as 18 e as 21 horas. Naqueles percorridos que superen os 25 km con orixe ou destino nalgunha das sete cidades, os servizos mínimos serán dunha viaxe de ida e outra de volta para os servizos de antes das 14 horas e posteriores ás 18.
En canto ao transporte escolar, deberán manterse os servizos de entrada aos centros entre as 7:30 e as 10:30 e os de saída entre as 13:30 e as 19 nos desprazamentos obrigatorios de máis de catro quilómetros, mentres que os centros de educación especial conservan todos os servizos.
O transporte escolar deberá manter os servizos de entrada aos centros e os de saída nos desprazamentos obrigatorios de máis de catro quilómetros
No transporte de traballadores, haberá posibilidade de viaxar antes das 9 e despois das 18 horas, mentres que nos desprazamentos de maiores dependentes e persfoas con discapacidade garántase o servizo de entrada entre 8 e 11:30 e de saída de 16:30 a 20. Tamén está garantido na súa totalidade o transporte de mercadorías sanitarias e o funerario.
Por outra banda, nos centros educativos establécese que os colexios e os institutos públicos de ensino non universitario deberán contar cunha persoa do equipo directivo e un traballador subalterno para garantir a apertura e o peche das instalacións.
Tamén os comedores escolares terán que manter unha actividade mínima: aqueles de xestión directa por parte do centro deberá contar cunha persoa de cociña, mentres que os de xestión indirecta deben garantir a presenza dunha persoa responsable da empresa de cátering en cada un dos comedores.
Colexios e institutos contarán cun directivo e un subalterno e as escolas infantís, con dúas persoas de atención directa; os comedores escolares garantirán unha persoa responsable
Ademais, deberá haber nos comedores polo menos un auxiliar coidador nos centros que teñan persoal desa categoría asignado. No caso dos centros de educación especial, contarán cun mínimo do 20% do seu persoal de comedor, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico.
Nas residencias docentes tamén se establece esa cobertura do 20% do persoal de comedores e, ademais, os centros privados e concertados deberán manter os mesmos servizos mínimos que os públicos dependentes da Consellería de Educación.
Ademais, nas escolas infantís, tanto públicas como privadas, deberán traballar polo menos dúas persoas de atención directa. Naquelas con dúas ou máis unidades abertas inorporarase un traballador por cada unidade en funcionamento e tamén se garantirá os ervizo de comedor. En canto ás universidades, garántese un servizo moi mínimo nos diferentes centros, escolas ou edificios administrativos.
Pola súa banda, os servizos sociais deberán manter unha actividade suficiente para a a atención de persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, tendo os centros asistenciais privados, servizos de teleasistencia e de axuda a domicilio que traballar como se fose domingo ou festivo. No caso daqueles que pechan eses días, a referencia será o labor habitual dun sábado. O programa Xantar na Casa manterá o reparto de comida.
Os centros asistenciais, a teleasistencia e a axuda a domicilio traballarán coma se fose domingo ou festivo
No ámbito sanitario, a Xunta advirte duns servizos mínimos "totalmente necesarios para manter a adecuada cobertura dos servizos esenciais" e "evitar que se produzan graves prexuízos para a saúde da cidadanía", polo que se detallan os efectivos mínimos de cada eido que permitan "compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga co mantemento dunha serie de servizos á poboación, que baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos"-
Tamén se establecen uns servizos e persoal mínimo na recollida, tratamento e transporte de residuos, así como no saneamento e abastecemento de auga, a conservación do patrimonio natural ou o mantemento de estradas e viais.
TVG e Radio Galega
En canto aos medios públicos de comunicación, a TVG e a Radio Galega deberán manter unha serie de espazos informativos, ademais dos boletíns horarios. Trátase do Bos días, Galicia Noticias, Telexornal 1, Telexornal 2, Galicia por diante, A Crónica 14 horas e A Crónica 20 horas.
Entre persoal técnico, xornalistas e outras categorías profesionais, establécense 149 servizos mínimos na radio e televisión pública fronte a un cadro de persoal aproximado de 640 persoas nunha xornada comparable. Os programas de entretemento e outros contidos poderían verse reducidos ou suprimidos segundo a incidencia que teña a folga na TVG e na Radio Galega.
Desde algúns sindicatos xa se criticara a proposta de servizos mínimos da Xunta, antes de que fose confirmada. CCOO cualificara de "abusivo" o plan e acusara a Administración autonómica de "pretender garantir un funcionamento ordinario dos servizos, limitando así o exercicio efectivo do dereito fundamental de folga".