Transportes presenta o sétimo estudo no que vai de século para mellorar o tren Ferrol-A Coruña

Estación de Betanzos-Infesta, na que os trens A Coruña-Ferrol ou á inversa teñen que dar marcha atrás para cambiar de liña ferroviaria e completar as viaxes entre as dúas cidades © Google

O novo estudo encargado hai seis anos para o denominado bypass de Betanzos propón unha solución similar a outra xa analizada en 2016, cun enlace de 1,6 quilómetros que custaría 29 millóns de euros

O ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou este martes no Senado que de xeito inmediato vaise someter a información pública o estudo informativo elaborado para un posible bypass ou conexión directa en Betanzos das liñas A Coruña-Lugo e Ferrol-Betanzos, conectadas entre si só en dirección Lugo. Un enlace que evitaría que os trens entre A Coruña e Ferrol teñan que dar un rodeo e circular ata a estación de Betanzos-Infesta para alí dar marcha atrás e incorporarse á outra liña ferroviaria.

Estudo de 2016 (esquerda) para o bypass de Betanzos coa Alternativa 3 moi similar á agora proposta polo ministerio (dereita) CC-BY-SA Praza Pública

O estudo agora rematado foi encargado hai case seis anos, a comezos de 2019, por un suposto prazo de execución máximo de dous anos. Naquel momento o propio ministerio sinalaba que o novo estudo debería ter en conta outros seis estudos previos elaborados só no que vai de século para mellorar a conexión entre A Coruña e Ferrol. Unha sucesión de estudos motivada pola desaparición de todas as planificacións públicas da inicialmente prevista extensión do Eixo Atlántico ferroviario de alta velocidade desde Ferrol ata a fronteira portuguesa pero do que finalmente só se executou o treito entre A Coruña e Vigo.

Á espera da exposición pública do estudo agora anunciada polo ministro, o seu departamento avanzou este martes que a solución atopada pasaría por unha vía de nova construción de 1,6 quiómetros que contaría cun viaduto de 873 metros para superar a estrada N-6 e que custaría uns 29 millóns de euros. O trazado elixido é moi similar a un dos tres trazados analizados noutro estudo elaborado en 2016 para a mesma finalidade e que incluía, na súa denominada Alternativa 3, un viaduto de 750 metros.

Prego de condicións do estudo agora rematado no que o ministerio citaba ata seis estudos previos para mellorar a conexión entre A Coruña e Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Ademais do bypass de Betanzos, o ministro tamén anunciou este martes que tamén será sometido a exposición pública outro bypass en Redondela. Neste caso para unir as liñas convencionais Vigo-Ourense e Vigo-Arcade evitando manobras de marcha atrás na estación de Redondela. 

O ministerio tamén exporá ao público outro estudo para outro bypass en Redondela que permita a circulación directa de trens de mercadorías entre Pontevedra e O Porriño

A conexión, de 1,2 quilómetros de lonxitude e 16,6 millóns de euros, permitiría así circulación directa de trens entre Pontevedra e O Porriño sen ter que manobrar en Redondela. Unha posibilidade especialmente relevante para os trens de mercadorías entre o Eixo Atlántico e as liñas cara a Ourense ou Portugal, xa que os trens de pasaxeiros empregan a liña de alta velocidade.

Localización do 'bypass' de Redondela © Ministerio de Transportes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.