O debate xerado polo estudo de hai un ano levou o presidente a asegurar que só impulsaría unións "voluntarias", das que non volveu saberse
Hai un ano a Xunta organizou un "congreso" para presentar, o 19 de setembro, un estudo sobre a posible reforma do mapa municipal de Galicia. Ese informe, elaborado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coas tres universidades, foi avanzado catro días antes en exclusiva por Praza.gal, que revelou que o documento analizaba sete posibles fusións municipais. Un ano máis tarde o debate xerado daquela pola Xunta desapareceu da actualidade e este luns o presidente Rueda volveu prometer que impulsará unha nova Lei de Administración Local de Galicia, medida que fixa para "esta lexislatura".
O informe encargado pola Xunta e desvelado por Praza.gal hai un ano simulaba os efectos económicos de sete unións de concellos: as de Santiago e Teo; Noia e Lousame; Sanxenxo e Meaño; Alfoz e O Valadouro; O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín e, xunto a eles, dúas propostas que implicaban a concellos dezaos: unha para toda a comarca (Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e outra só para Lalín, Rodeiro e Dozón.
O informe de hai un ano sinalaba que a cidadanía cre máis útil mellorar a xestión dos concellos que fusionalos
Aquel informe tamén incluía unha enquisa que sinalaba que a cidadanía cre máis útil mellorar a xestión dos concellos que fusionalos, ademais de evidenciar as reticencias a fusións que afecten aos concellos nos que viven as persoas consultadas. A veciñanza, sinalaba o estudo, ve consecuencias tanto positivas como negativas da fusión de concellos, con tensións políticas e sociais e mellora da capacidade económica.
O congreso no que a Xunta presentou aquel informe avanzado por Praza.gal saldouse con reproches do Goberno galego a BNG e PSdeG e limitado interese do PP, logo de que o presidente Rueda insistise en que só impulsaría fusións "voluntarias".
Pasado aquel debate, nada volveu falar a Xunta de fusións de concellos, como as que impulsara o ex-presidente Feijóo en 2012 (Oza dos Ríos e Cesuras) e 2016 (Cerdedo e Cotobade). Xusto un ano despois, este luns Rueda asistiu a un novo congreso sobre administracións locais, organizado polo Consello de Contas co gallo dos 40 anos da lei de bases de réxime local. Nese acto Rueda comprometeu "unha nova Lei de Administración Local de Galicia para a presente lexislatura", promesa que o Goberno galego xa lanzara en varias ocasións nos últimos anos sen chegar aínda a concretar ningún borrador de texto articulado.