Vía Galega congrega dúas mil persoas en Santiago para lembrar que "non somos unha nación subsidiada"

Manifestación da plataforma Vía Galega este domingo nas rúas de Santiago © Vía Galega

O portavoz da plataforma, Anxo Louzao, salienta que coa autodeterminación "Galiza poderá construír unha sociedade con traballo digno e sen emigración"

A manifestación da plataforma Vía Galega baixo o lema 'Somos unha nación' congrega a dúas mil persoas nas rúas de Santiago de Compostela, segundo traslada a organización, para "reivindicar o dereito de autodeterminación" e "conmemorar a Revolución Galega de 1846 e os Mártires de Carral, que serviu de alicerce para o nacionalismo". 

"Como nación libre, Galiza poderá construír unha sociedade con traballo digno e sen emigración, máis  democrática, máis xusta e de maior igualdade e benestar social", declarou Anxo Louzao, portavoz da plataforma, ao comezo da manifestación que rematou na Praza de Praterías de Santiago. 

A Praza de Praterías de Santiago ao remate da manifestación da plataforma Vía Galega © Vía Galega

"Galiza é un país esquilmado pois achega 3.000 millóns máis ao Estado en relación aos servizos que recibe”, di o portavoz de Vía Galega

Nun acto presentado por Isabel Risco e Irene Tato, que contou coa actuación do grupo Un pobo, unha selección (o encargado do himno deportivo en prol das seleccións galegas), Marta Dacosta, Daniel Asorey, Pablo Carracedo “Jasper”, María Xosé Bravo e Anxo Louzao leron un manifesto no que se trasladou que “a afirmación de 'Somos unha nación' implica termos o dereito a decidir, non hai plena democracia de non garantir os dereitos colectivos dun pobo; por iso Galiza como nación ten dereito á autodeterminación”. 

"Esiximos responsabilizármonos do noso futuro como pobo, gobernarnos a nós mesmos e mesmas, sen subordinacións nin dependencias, porque non somos unha nación subsidiada”, sostivo Louzao, quen evidenciou que "Galiza é un país esquilmado pois achega 3.000 millóns máis ao Estado en relación aos servizos que recibe".

Neste sentido, o voceiro de Vía Galega explicou que “exportamos o 30% de electricidade e pagámola a prezo de ouro, non temos un sector público da enerxía e nin sequera unha tarifa eléctrica galega, iso condena á pobreza enerxética as clases populares, mentres os oligopolios do sector, no ano 2021, ingresaron 2.700 millóns da electricidade que producimos”. 

Desta maneira, Louzao reclamou "total soberanía” para que o país conte cun "sector enerxético e financeiro público e galego, que garanta unha electricidade con prezos populares”. Co fin de que o aforro "se converta en benestar social dos galegos e galegas e non continúe expatriándose”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.