O edificio a medio construír que ía albergar o parque comarcal de bombeiros en Salgueiriños será adaptado como Factoría Moza mentres o debate sobre o futuro da Casa da Xuventude "non é unha prioridade para este goberno
O goberno local de Santiago de BNG e Compostela Aberta, coa súa alcaldesa, Goretti Sanmartín, á cabeza, fixo este venres balance da súa actividade e dos principais retos para o ano que agora comeza. Vivenda, servizos sociais e adaptación ao cambio climático son, segundo Sanmartín, as principais preocupacións do seu equipo para este 2025.
Segundo dixo, no eido da vivenda as actuacións deberán coordinarse coas competencias compartidas coa Xunta e tendo presente que os resultados veranse a medio prazo. No social, unha das principais novidades deste ano será a apertura dun centro para atención de persoas sen fogar en Belvís. E no que se refire ao cambio climático, a aposta da alcaldesa é que esa sexa unha cuestión transversal a todas as actuacións municipais.
A alcaldesa compostelá quixo poñer en valor o traballo feito polo seu goberno no último ano en "mudanzas internas de simplificación administrativa que teñen pouca visibilidade" pero que acaban axilizando as actuacións municipais. A rexedora tamén salientou que en 2024 se puxeron as bases para avanzar neste 2025 en algúns dos proxectos singulares do seu goberno para a cidade, como a remodelación do denominado "conector central", o eixo de rúas que bordea o casco histórico entre a Praza de Galicia e San Caetano, do que se quere quitar o groso do tráfico que rexistra agora.
O goberno local quere avanzar na remodelación do denominado "conector central" da cidade pero admite que a renovación do transporte urbano, pendente desde hai unha década, pode non chegar aínda neste 2025
Porén, no eido da mobilidade a alcaldesa volveu ser cauta no que se refire ao transporte urbano, coa concesión pendente de renovar e prorrogada por sucesivos gobernos de todas as cores desde hai máis dunha década. Tampouco para este 2025 hai garantía de que ese servizo público se vexa renovado xa que o Concello segue revisando os pregos de condicións do novo contrato, que asegura que será moi ambicioso pero para o que non se pon data de culminación.
No que respecta a outros proxectos singulares, a primeira tenente de alcalde, María Rozas, anunciou a intención de crear unha denominada Factoría Moza no edificio a medio construír en Salgueiriños, ao norte da cidade, no que hai anos se quería instalar o novo parque de bombeiros comarcal. Unha vez que ese emprazamento xa está descartado por cuestións técnicas como sede para os bombeiros, o Concello vaino rematar adaptándoo como centro para a xuventude. Segundo Rozas, xa se dispón dun anteproxecto de obra que será presentado nos próximos días.
Ante a creación deste novo espazo para a mocidade, queda no aire o futuro da actual Casa da Xuventude, edificio rodeado desde hai anos de polémica polas distintas visións dos grupos municipais sobre derrubalo ou non para así facilitar un mellor acceso desde o casco histórico ao parque de Belvís. O BNG e o PP son partidarios da súa derruba total ou parcial mentres que PSdeG e Compostela Aberta se amosaron en contra. Este venres a alcaldesa asegurou que ese debate "non é unha prioridade deste goberno".