Na nova avenida só poderá circular o transporte público, vehículos de emerxencia, de carga e descarga, coches de residentes e quen se dirixa a un aparcamento público, ademais de peóns bicicletas e outros vehículos de mobilidade persoal
Entre a Alameda de Compostela e a Rúa dos Basquiños, xa preto de de San Caetano hai un quilómetro e medio dunha longa rúa (con varios nomes: Senra, Fonte de Santo Antonio, Ensinanza, Virxe da Cerca, Rodas...) que rodea a améndoa do casco histórico compostelán. Esta vía constitúe a arteria central da cidade e na actualidade sofre unha grande intensidade de tráfico, dificultando o paso do transporte público, perdendo a súa condición de avenida e converténdose máis nunha fronteira entre barrios que unha sutura entre eles.
Este luns o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago, Iago Lestegás, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, presentaron as liñas básicas do concurso de propostas que o Concello está a piques de lanzar para o deseño do denominado Conector Central da Cidade, que transformará por completo esta vía. Na nova rúa, entre o Campo da Estrela e o número 71 de Basquiños (á áltura do cruce coa Rúa de Arzúa), só poderá circular o transporte público, vehículos de emerxencia, de carga e descarga, coches de residentes e quen se dirixa a un aparcamento público -accedendo polo extremo máis próximo-, ademais de peóns, bicicletas e outros vehículos de mobilidade persoal.
O obxectivo é que esta rúa deixe de funcionar como unha circunvalación para o paso de vehículos entre o norte e o sur da cidade, e viceversa, gañando deste xeito espazo para a cidadanía e mellorando a calidade de vida da veciñanza de Compostela
O obxectivo é que esta rúa deixe de funcionar como unha circunvalación para o paso de vehículos entre o norte e o sur da cidade, e viceversa, gañando deste xeito espazo para a cidadanía e mellorando a calidade de vida da veciñanza de Compostela.
Na súa intervención, Iago Lestegás destacou que actualmente o tráfico rodado "acapara demasiado espazo neste ámbito" e apostou por "reasignar o espazo dispoñible de xeito que se favorezan outras formas de mobilidade e outros usos do espazo público". O concelleiro de Urbanismo destacou que este proxecto, que abrangue 43.000 metros cadrados, 16 rúas e 5 treitos "é un espazo de oportunidade para avanzar cara a ese novo modelo urbano".
Nesta entrevista, hai uns meses, Lestegás xa apuntaba o obxectivo de "resolver os problemas de mobilidade dun conector moi conxestionado" e de, ao tempo, que este eixo fise "exemplo dos espazos públicos que queremos facer no século XXI: máis agradable, con pavimentos de calidade e máis permeables e permitan un mantemento máis doado, con máis árbores, máis verdes, con mobiliario urbano máis cómodo e inclusivo, espazos máis seguros para todas as persoas".
Lestegás remarcou que a proposta de circulación distingue dous conceptos, nos que fixo fincapé: "acceder e atravesar"
Na rolda de prensa deste luns Lestegás remarcou que a proposta de circulación distingue dous conceptos, nos que fixo fincapé: "acceder e atravesar". É dicir, poderase acceder a todos os puntos co vehículo pero non usar de "atallo" entre o Norte e Sur e viceversa. O concurso parte da idea do "centrifugado" do tráfico cara ao exterior, un modelo que xa está en marcha noutras cidades para evitar o tráfico superfluo ou de axitación, de maneira que dúas rúas (Castrón Douro e a Rúa das Trompas) funcionarán como vectores de saída dos vehículos.
Pola súa banda, Xan Duro subliñou a oportunidade de "manter os servizos que precisa a cidade e garantir o seu correcto funcionamento, eliminando o carácter de circunvalación do viario".
O proxecto contrasta notablemente con outras propostas, como a lanzada durante a pasada campaña electoral municipal polo candidato do PP, Borja Verea, que apostou por soterrar o tráfico por debaixo de Virxe da Cerca, cun longo túnel entre a Alameda e Basquiños
O proxecto inclúe treitos moi diferentes, comezando pola rúa da Senra, que conecta o Campo da Estrela e a Praza de Galicia, para seguir coa Rúa da Ensinanza e Virxe da Cerca, na que se sitúan o acceso á Praza de Abastos e a varios centros de ensino, para seguir co gran desnivel da Rúa das Rodas e rematar coa Rúa dos Basquiños. Debido ás diferenzas nos distintos tramos, o concurso formula que se busquen ideas "innovadoras e imaxinativas" para resolver o reparto do espazo co obxectivo de priorizar a mobilidade sustentable.
O proxecto contrasta notablemente con outras propostas, como a lanzada durante a pasada campaña electoral municipal polo candidato do PP, Borja Verea, que apostou por soterrar o tráfico por debaixo de Virxe da Cerca, cun longo túnel entre a Alameda e Basquiños, moi caro en termos económicos e sociais e cuxa execución levaría anos e provocaría grandes molestias á cidadanía. Ademais, este túnel non só non contribuiría a reducir o tráfico, senón que mesmo o estimularía.
O concurso
Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta técnica. Non hai prazos concretos, pero calcúlase que terá unha duracuón duns tres meses
Os criterios para o concurso -para o que o Concello asinou un convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)- son a mellora da calidade urbana e a dinamización do comercio de proximidade; tamén se inclúe a incorporación de verde urbano, nunha zona na que hai moi poucas árbores, a mellora da habitabilidade do espazo público e a integración dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos, apostando pola reutilización dos pavimentos de granito existentes.
Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta técnica. Non hai prazos concretos, pero calcúlase que terá unha duracuón duns tres meses. O resultado desta primeira fase será a selección de cinco equipos que desenvolverán a proposta na segunda fase do concurso. Na segunda fase, os equipos presentarán unha proposta a nivel de anteproxecto entre as que se seleccionará a proposta gañadora.