A Valedora do Pobo revela numerosos casos de demoras sanitarias que permiten poñer cara e circunstancias ás listas de espera que vén de facer públicas o Sergas
A espera media para operarse en Galicia é de tres meses e para unha consulta de 70 días, o que supón 20 e 13 días máis, respectivamente, que hai un ano, segundo vén de divulgar o Sergas. Un aumento da demora que a Xunta atribúe á folga de médicos contra o Ministerio de Sanidade e que supón incumprir amplamente os obxectivos que se marcou a propia Xunta a comezos de febreiro, cando esa folga xa comezara.
Pero esas cifras son medias que varían considerablemente en función da especialidade médica ou da área sanitaria. Para poñer cara ás persoas que hai por tras deses números pode recorrerse ás resolucións sobre casos concretos que de xeito periódico fai públicas a Valedora do Pobo. Unhas queixas da cidadanía ás que a defensora do pobo adoita responder de xeito reiterado pedindo ao Sergas que atenda as operacións ou consultas pendentes "nun tempo razoable". En numerosos casos a Valedora nin sequera require unha atención rápida, pero si que cando menos se facilite información e expectativas ao doente ante a indefinición na que se atopa.
Un dos últimos casos que vén de facer público a Valedora é o dunha muller con dor nas cadeiras que foi atendida nun servizo de traumatoloxía por recomendación de neurocirurxía. Pedíronlle unha radiografía que foi realizada un mes despois, pero 17 meses máis tarde seguía sen ter data para a consulta de revisión da radiografía. A resposta que deu o Sergas ante a petición de explicacións por parte da Valedora foi que hai unha "alta demanda de probas radiolóxicas". E non se lle ofrecía ningunha estimación de prazo de consulta máis alá de que se lle comunicaría "en canto sexa posible".
Para a Valedora "parece prudente facilitar a programación da consulta tras ano e medio dende a realización da proba, coa finalidade de obter un diagnóstico preciso por parte do facultativo especialista", polo que pediu ao Sergas valorar "fórmulas que permitan a programación da consulta nun tempo razoable a fin de valorar a situación clínica tras a proba diagnóstica realizada".
Outro dos casos que vén de revelar a Valedora é o dun neno con estrabismo pendente de operarse durante un ano. Entrou en lista de espera en xaneiro do pasado ano, cando tamén se lle fixo analítica e electrocardiograma, e en maio pasou a consulta de preanestesia. En setembro, tras pedirlle explicacións a Valedora, o Sergas respondíalle a ela -non á familia- que "o especialista encargado destas intervencións en nenos deixou o servizo, estando na actualidade pendente de formar un novo oftalmólogo". A resposta engadía que "se contactará con todos os casos pendentes" para "ofrecerlles a posibilidade de ser operados noutro centro". Porén, a finais de novembro a Valedora constataba que a nai aínda non fora informada desas circunstancias e seguía á espera.
"Neste caso concreto a Valedora non cuestiona nin a xestión de recursos dispoñibles nin a prioridade clínica, pero si considera que existe un problema de déficit de información", que "constitúe o eixo fundamental na relación entre pacientes e administración sanitaria", sinala a resolución da defensora do pobo.
Unha muller que debía ser operada de cadeira en menos de 90 días levaba ano e medio agardando por rexeitar que a derivasen a un centro concertado
Outro caso é o dunha muller á que lle foi asignada o nivel 2 de prioridade para unha prótese de cadeira, co que tería que ser operada en menos de 90 días. Pero máis dun ano e medio despois seguía sen ser intervida. A explicación do Sergas foi que tras entrar en lista de espera ofrecéronlle ser operada nun centro concertado, "oferta que é rexeitada pola paciente, o que implica a perda das garantías dos prazos máximos establecidos".
A Valedora concluíu que "aínda que a negativa a ser atendido nun centro concertado implica a perda das garantías dos prazos máximos, debe terse en conta que a perda da garantía non supón a desaparición das circunstancias que determinaron a asignación da prioridade 2". "Por tal motivo, superado o ano e medio dende a súa inclusión na lista de espera e considerando a preferencia inicial, parece prudente programar a intervención obxecto da queixa nun período de tempo razoable", conclúe a Valedora.
Outra das resolucións agora coñecidas da Valedora analiza o caso dun home atendido en neuroloxía da área sanitaria de Pontevedra. Dixéronlle que debía volver a revisión en seis meses pero pasados oito meses aínda seguía agardando pola cita e presentou unha queixa á Valedora. A resposta que obtivo esta ao pedir explicacións ao Sergas foi que "debido a sobrecarga asistencial que actualmente presenta este servizo existe unha demora importante nas citas presenciais, polo que co fin de prestarlle a atención máis adecuada posible, o servizo de admisión asignará a cita en función das prioridades clínicas e dos recursos dispoñibles".
Un ano e un mes despois da consulta, o doente seguía agardando sen data para a cita, polo que a Valedora pediu ao Sergas que as citas respecten "os tempos asignados polos profesionais sanitarios que as indican".
En moitos casos a Valedora nin sequera require unha atención rápida, pero si que cando menos se facilite información e expectativas ao doente ante a indefinición na que se atopa
Casos semellantes repítense nas resolucións agora publicadas pola Valedora do Pobo. Un home agardando máis dun ano para operar unha hernia tras rexeitar facelo nun centro concertado porque xa o operaran previamente por esa vía sen resolver o problema. Ou mulleres con revisións xinecolóxicas pautadas de xeito anual ou semestral para seguimento de doenzas xa diagnosticadas que seguían sen citas meses despois do establecido. Son as persoas por tras das cifras das listas de espera.