325 vivendas en Ferrol, 88 na Coruña e 73 en Pontevedra: os inmobles que o Goberno central construirá en terreos de Defensa

Proposta do Concello de Ferrol para a distribución de espazos no antigo cuartel Sánchez Aguilera © Concello de Ferrol

Nas últimas semanas o Goberno central anunciou un conxunto de medidas para incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e, especialmente, a oferta de vivenda asequible. Entre as accións previstas polo Executivo está a mobilización de inmobles e predios propiedade da SAREB, o coñecido como banco malo que recolleu os activos das entidades financeiras que foron nacionalizadas durante a Gran Recesión. Pero o Goberno prevé tamén o impulso á construción de novas vivendas noutros terreos, entre eles algúns propiedade do Ministerio de Defensa e que corresponden a antigos espazos de uso militar. 

Este mércores, o Executivo central detallou os lugares onde se construirán estas vivendas, un total de 20.000 en todo o Estado, 486 delas en Galicia

Este mércores o Executivo central detallou os lugares onde se construirán estas vivendas, un total de 20.000 en todo o Estado, 486 delas en Galicia. Aínda que a maior parte destes inmobles están situados en Madrid (10.500), tamén Castela e León, Catalunya, Murcia ou Asturias superan o milleiro de vivendas previstas. En Galicia os proxectos concéntranse en tres concellos: Ferrol (325 vivendas previstas), A Coruña (88) e Pontevedra (73).

Distribución, no Estado, das vivendas que se construirán en solos do Ministerio de Defensa ©

A maior parte das 486 novas vivendas previstas en Galicia construiranse no predio ata agora ocupado polo cuartel Sánchez Aguilera en Ferrol, que acollerá unhas 300

A actuación está promovida pola entidade pública de solo SEPES, que adquirirá 8,25 millóns de metros cadrados de terreos do Ministerio de Defensa que na actualidade non teñen uso por uns 514,3 millóns de euros. O Goberno central destaca que a iniciativa, enmarcada no Plan de Vivenda en Alugueiro Alcanzable (PVAA), contribuirá "a garantir o dereito constitucional do goce dunha vivenda digna e adecuada e que esta dispoñibilidade sexa equilibrada en todo o territorio". Tras a adquisición por parte de SEPES, a entidade preparará os solos para que sexan urbanizables e facilitar a edificación residencial a través de fórmulas público-privadas que impliquen a cesión do solo.

Na Coruña construiranse 88, 77 delas na Maestranza e 11 noutro soar. As 73 restantes corresponden a Pontevedra, en Campolongo e Mollavao Norte 

A maior parte das 486 novas vivendas previstas en Galicia construiranse no predio ata agora ocupado polo cuartel Sánchez Aguilera en Ferrol, que acollerá unhas 300. Este espazo está suxeito ao convenio asinado polo Concello de Ferrol co Ministerio de Defensa, que en virtude do proxecto anunciado polo Goberno local ferrolán terá usos residenciais, comerciais e dotacionais, ademais de conter zonas verdes. Na cidade naval outro predio, no Cuartel de Marinería, acollerá 25 vivendas máis.

Na Coruña construiranse 88, 77 delas na Maestranza e 11 noutro soar. As 73 restantes corresponde a Pontevedra, onde o Concello asinou un convenio con Defensa para urbanizar e Campolongo e Mollavao Norte.

Este proxectos únense á actuación residencial que a SEPES, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ten en marcha en Pedrafita do Cebreiro, onde se están a impulsar doce vivendas na Avenida de Castela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.