Pontón reclama ao Estado non ter que "volver pagar" polas vivendas da Sareb ao viren do rescate das caixas

Ana Pontón, en rolda de prensa este 24 de abril CC-BY-NC-SA BNG

O groso dos activos da Sareb en Galicia proceden dos 5.000 millóns de euros de ladrillo tóxico que o coñecido como banco malo absorbeu en 2012 dentro do rescate de Novagalicia Banco, a entidade resultante da bancarización da quebrada Novacaixagalicia, fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Agora o Goberno de España vén de lanzar o seu plan para destinar vivendas e terreos da Sareb a alugueiro social previa venda a comunidades autónomas e concellos. No caso galego, en cifras redondas, serían unhas 3.000 vivendas.

"Xa pagamos por esas vivendas co rescate bancario, non é xusto que as volvamos pagar", defende a líder do BNG, que anuncia iniciativas no Parlamento e no Congreso nesta liña

Despois de que Pedro Sánchez formulase ese plan, o BNG saudou a incorporación desas vivendas ao parque público de arrendamento. "Poden ser importantes para solucionar o grave problema de acceso á vivenda" pero, matiza a súa portavoz nacional, Ana Pontón, deben ser "cedidas de maneira gratuíta" porque xa foron pagadas con fondos públicos mediante o rescate bancario. Que a Xunta ou outras administración as merque, argumenta, sería volver pagar polo mesmo.

"Xa pagamos por esas vivendas co rescate bancario, non é xusto que as volvamos pagar", defende Pontón, que avanza que o BNG volverá defender no Parlamento unha iniciativa nese sentido xa que "hai meses que xa a aprobamos, pero o Goberno do PP non moveu un dedo para conseguir  transferencia". Ademais, agrega, o Bloque mantén no Congreso unha emenda á nova lei estatal de vivenda para que recolla ese traspaso de balde ás autonomías.

O PP "dinamitou a política pública de vivenda" na Xunta

"Menos propaganda e máis DOG", reclama Pontón para esixir ao Goberno galego un plan de vivenda pública 

Alén de emendar o plan estatal, Pontón advirte de que tamén cómpre preguntarse "que está facendo o Goberno do PP" despois de "dinamitar" dende 2009 "a política pública de vivenda". Porque se existe "electoralismo" nos anuncios do Goberno de España, di, non é menos o que inclúen os lanzados polo Executivo galego. Boa mostra disto, subliña, é que entre 2014 e 2018 a Xunta daquela presidida por Alberto Núñez Feijóo só puxo á disposición unha única vivenda protexida en alugueiro e, tras anunciar "case 800 vivendas" nun plan de 2015 a 2020, "non foron quen de cumprir" e foron "só 39".

Agora, censura, "din que van facer en tres anos o que non fixeron en 14" e fano, reprocha, porque o propio presidente Rueda "recoñece que non se enteraran de que había miles de galegos e galegas cun problema de acceso á vivenda", o cal equivale a ignorar "cal é a realidade". "Están absolutamente desconectados dos problemas da xente e por iso, conclúe, cómpre "menos propaganda e máis DOG", un plan de vivenda pública con prazos e orzamentos para, defende a líder soberanista, paliar cuestións coma os incrementos dos prezos do alugueiro, de ata un 30% nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.