5,4 millóns de pasaxeiros móvense cada ano en bus entre A Coruña a súa área metropolitana

Concellos con maior tráfico de pasaxeiros por bus coa Coruña, sobre unha imaxe do interior da nova estación de autobuses da cidade © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

7,5 millóns de persoas empregarán as liñas que saen ou chegan á nova estación de autobuses da Coruña. 5,4 millóns corresponden a viaxes internas pola área metropolitana da cidade

A nova estación de autobuses da Coruña, parte da nova estación intermodal, está xa rematada, aínda que a infraestrutura non se porá en funcionamento ata que rematen as obras de reforma da estación de tren, agora anexa, previstas para final deste ano. A finais de xuño a Xunta publicou a licitación da concesión da nova estación de autobuses.

Nas condicións do concurso para xestionar a nova terminal de autobuses recóllense datos sobre o número de pasaxeiros que anualmente sairán dende A Coruña ou chegarán á cidade dende outras localidades, case 7,5 millóns en total. O groso desas viaxes teñen lugar entre a urbe herculina e os concellos da súa área metropolitana, entre os que se moven ao redor de 5,4 millóns de pasaxeiros cada ano.

Destacan catro concellos, por riba de todos. Os pasaxeiros que se moven entre A Coruña e Culleredo (1,63 millóns), Oleiros (1,36 millóns), Arteixo (0,98 millons) e Cambre (0,74 millóns) suman 4,7 millóns

Destacan catro concellos, por riba de todos. Os pasaxeiros que se moven entre A Coruña e Culleredo (1,63 millóns), Oleiros (1,36 millóns), Arteixo (0,98 millons) e Cambre (0,74 millóns) suman 4,7 millóns. Unha masa social, residente sobre todo nos catro concellos que rodean a cidade, que fala da actividade e dos nexos estreitos e continuos nos seo da área metropolitana, practicamente unha cidade continua.

A estes 4,7 millóns de pasaxeiros poderíanse sumar os 384 mil pasaxeiros de Sada, os 120 mil de Carral, os 63 mil de Bergondo ou os 32 mil de Abegondo, todos parte da comarca coruñesa e da propia área metropolitana. Igualmente, habería que sumar os case cen mil de paradas situadas no propio concello coruñés que se prevé que empreguen a liñas que saen ou chegan á estación de autobuses. 

Ferrol, con case medio millón de viaxeiros, destaca entre as cidades galegas. Máis atrás aparecen Santiago, con 224 mil pasaxeiros e Lugo, con 184 mil

Fóra da área metropolitana, a cidade de Ferrol, con case medio millón de viaxeiros anuais nas liñas de bus que a conectan coa Coruña, destaca entre as cidades galegas. Máis atrás aparecen Santiago, con 224 mil pasaxeiros e Lugo, con 184 mil. Con cifras máis cativas, están Vigo (40 mil), Pontevedra (19 mil) e Ourense (3 mil).

Outra localidade que mantén unha conexión intensa por autobús coa Coruña é Carballo (297 mil pasaxeiros), o mesmo que A Laracha (96 mil) e moitos concellos das comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte

Outra localidade que mantén unha conexión intensa por autobús coa Coruña é Carballo (297 mil pasaxeiros), o mesmo que A Laracha (96 mil) e moitos concellos das comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte. Igualmente, Betanzos, con case 287 mil pasaxeiros anuais.

Fene, Ordes, Miño ou Pontedeume son outros concellos nun tráfico de autobuses permanente coa cidade da Coruña.

30.000 metros cadrados, 20 millóns de investimento

A estación de autobuses e o aparcamento suman case 30.000 metros cadrados (29.600) dos que o edificio de viaxeiros ocupa 1.800 metros cadrados. 

A intermodal conta dous niveis, un superior ao que se accede dende a avenida da Sardiñeira, onde se localiza a estación de autobuses, co edificio de viaxeiros e a pasarela peonil que une as dúas estacións e conecta coa Avenida do Ferrocarril. A estación de autobuses conta con 20 dársenas de operación e outras 23 de regulación para os autobuses. O aparcamento, no nivel inferior, terá máis de 560 prazas.

Dársena da nova estación de autobuses da Coruña, situada na estación intermodal © Xunta

A Xunta investiu máis de 20 millóns de euros na nova estación de autobuses. En conxunto a estación intermodal da Coruña-San Cristovo, na que colaboran o Goberno galego, Adif e o Concello, suma un investimento global de máis de 45 millónes de euros. 

Acceso exterior á nova estación de autobuses da Coruña, situada na estación intermodal © Xunta
Interior da nova estación de autobuses da Coruña, situada na estación intermodal © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.