A Audiencia Nacional propón xulgar o capitán e dous directivos da armadora polas 21 mortes do 'Pitanxo'

O pesqueiro Villa de Pitanxo, con base en Marín, nunha imaxe de arquivo © Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

O xuíz instrutor lembra que o barco non estaba autorizado a navegar en zonas de formación de xeo e que os seus tripulantes non tiñan formación sobre os riscos de hipotermia

A Audiencia Nacional propón xulgar a dous directivos da empresa armadora do Villa de Pitanxo e o capitán da embarcación pola morte de 21 tripulantes durante o naufraxio ocorrido en febreiro de 2022 en Terranova. No auto de pase a procedemento abreviado o maxistrado da Praza 2 da Sección de Instrución do Tribunal Central envía a xuízo ao administrador de Pesquerías Nores Marín, José Antonio N.R., o director de frota, José Antonio N.O., e o capitán do barco Juan E.P. por 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e por un delito contra os dereitos dos traballadores. Como responsable civil subsidiario, o instrutor sinala ás mercantil Pesquerías Nores Marín S.L. e a entidade aseguradora como responsable civil directo. 

O 'Villa de Pitanxo' afundido en Terranova nunha imaxe da investigación técnica © CIAIM

Na súa resolución, o maxistrado fai un relato da travesía do barco e do seu afundimento e sinala diferentes factores que contribuíron a que se producise a inundación e afundimento do buque como a sobrecarga non controlada, a falta de medidas de precaución ante a posibilidade de realizar unha virada en condicións meteorolóxicas moi adversas ou a decisión do capitán de continuar o xiro con mal tempo, en lugar de tomar outras posibles alternativas máis seguras. 

O auto sinala as decisións do capitán de continuar a virada con mal tempo e dar a orde de abandonar o barco demasiado tarde, e a falta de prevención de riscos por parte da empresa

Ademais, o auto apunta que o capitán deu a orde de abandonar o buque demasiado tarde ao non ser consciente da gravidade da situación e que impediu unha saída máis ordenada da nave que puidese ser exitosa. "Cando a deu, as posibilidades de salvarse eran moi reducidas", afirma. 

Tamén indica como outro factor determinante o feito de que só existise unha escaleira desde a cuberta ata os puntos designados para embarcar nas balsas salvavidas e que era inaccesible no momento no que se ordenou o abandono, o que obrigou aos tripulantes a utilizar outras vías. 

Traballos de busca tras o afundimento do 'Villa de Pitanxo' hai catro anos © JRCC Halifax

Igualmente, o auto apunta a falta de familiarización da tripulación cos medios de salvamento, os procedementos de abandono e os riscos específicos de navegación en augas frías. Neste sentido, lembra que o Villa de Pitanxo non estaba autorizado a navegar en zonas de formación de xeo e que os seus tripulantes non tiñan formación sobre os riscos de hipotermia. 

Dos 21 falecidos, segundo o auto, doce deles non apareceron e o resto morreron por afogamento ou hipotermia. Outros tres, entre eles o capitán, foron rescatados con vida no interior dunha das balsas salvavidas. 

O xuíz menciona na súa resolución que os traxes de inmersión tampouco foran revisados conforme á normativa polo que é probable que non estivesen en perfectas condicións. 

O auto tamén fai referencia a que as condicións físicas dos tripulantes non eran as mellores, xa que o capitán informara telefonicamente de que polo menos oito deles estaban contaxiados por Covid-19. 

O órgano xudicial dá un prazo de dez días á Fiscalía e ás acusacións particulares para presentar o seu escrito de acusación solicitando a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.