“Eu falo moito da cultura do esforzo porque creo nela”, aseverou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores na sesión de control ao Goberno no Parlamento. Un día antes comparecera na Cámara a petición propia para avanzar as “liñas estratéxicas” que guiarán a súa acción en 2025 e, nese afán, manifestou que grazas ás políticas do Partido Popular o futuro da mocidade galega “non depende xa da capacidade económica” senón “do esforzo que cadaquén faga”.
“Este é o camiño: igualdade de oportunidades, garantía pola Administración e, a partir de aí, cultura do esforzo e tender cara á excelencia”, insistiu o presidente. O concepto da ‘cultura do esforzo’ reaparece cada certo tempo no discurso público. Asociado a ideas neoliberais no político e no económico, precisa sempre dun contexto para analizar o seu significado.
Nos primeiros anos deste século, un dos políticos que máis avogou pola ‘cultura do esforzo’ foi o ex-presidente valenciano Francisco Camps (PP), como apunta Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Prieto sinala que se falamos de cultura do traballo, estamos falando de cultura obreira. E quen constrúe iso como unha obriga? Os empresarios, non os traballadores. Para os traballadores é unha identidade, unha forma de vivir. De feito, a importancia radicaba na calidade, non na cantidade. “Durante moito tempo os mellores traballadores eran os que sabían facer mellor o seu traballo”, lembra.
“Iso da ‘cultura do esforzo’ fala da cantidade ou da calidade? Se fala da cantidade no fondo está referíndose a fichar e ao número de unidades producidas, se fala de calidade, entón, refírese ao esmero, ao traballo ben feito. En todas as culturas do mundo, dende sempre, sábese que para vivir hai que traballar: ou tes que cazar o mamut ou labrar a terra. De que nos están falando? Quen nos impón a cultura do esforzo?”, pregúntase Fernández Prieto.
A asimetría da afirmación de que o esforzo implica o éxito, que é o que apuntou o presidente Rueda esta semana, resulta evidente na nosa sociedade actualmente
O historiador establece unha comparación coa cultura rural, onde o traballo está vinculado ao lecer. “Sempre utilizo para explicalo un dito fermoso da Terra Chá, que Ramón Villares lle escoitaba á súa avoa, que é ‘o lecer fai culler’. Pensemos que a muiñeira é un baile mentres están agardando a que se moa o trigo e a foliada son as cantigas de cando se está esfolando o millo”, di. Na cultura popular agraria houbo moitas formas de traballo e os escravos negros tamén cantaban mentres recollían o algodón, pero basta con mencionar ambas circunstancias para decatarse de que ese cantar non ten o mesmo significado.
Un exemplo que se achega algo máis aos nosos días está no filme Tempos modernos, de Chaplin, onde se ve o que o capitalismo industrial entende como traballo –e esforzo–. Á conta disto, Lourenzo Fernández Prieto lembra que Catherine Gasquoine Hartley, no seu libro Un verán en Galicia (1911), fala de Vigo como a cidade dos que traballan con alegría: “Mira que frase para unha inglesa de clase alta! Ela percibe iso porque ve a xente traballar no peixe, as mulleres coas patelas... e están alegres porque cantan. Vigo xa é unha cidade industrial a comezos do século XX, xa hai estaleiros e movemento obreiro, pero non teñen esa disciplina inglesa: non paran de beber ás once da noite porque toca a campá no pub e, borrachos como cubas, van durmir porque ao día seguinte teñen que erguerse cedo”.
É preciso analizar como as sociedades valoran e promoven o traballo arduo, a dedicación e a superación persoal como medio para alcanzar o éxito. Este enfoque ten unha forte carga ideolóxica e varía segundo o contexto histórico-cultural, mais a asimetría da afirmación de que o esforzo implica o éxito, que é o que apuntou o presidente Rueda esta semana, resulta evidente na nosa sociedade actualmente. “Reflíctese o esforzo como valor social, esa idea de que se glorifica o sacrificio persoal e a produtividade sempre por enriba do benestar. Deste modo, estigmatízase a quen non acada o éxito, que son culpados do seu propio fracaso”, argumenta a socióloga María José Andrade Suárez, profesora de Socioloxía do Traballo na Universidade da Coruña.
"Como nos ensinaron a definirnos? Pois polo que facemos e non polo que somos. Como se fósemos empresarios de nós mesmos", critica María José Andrade
Nas sociedades capitalistas nas que vivimos o esforzo é visto como un valor moral e social positivo, e a través do traballo duro espérase que os individuos poidan mellorar a súa situación socioeconómica. Este ideal ten as súas raíces nun dos pais fundadores da Socioloxía, Max Weber, que desenvolve estas teorías en A ética protestante e O espírito do capitalismo. “O éxito na acumulación de bens será a entrada para as elites elixidas, conducirá á salvación da alma, dicía Weber, que apostaba por acumular bens e reinvestilos porque non podía haber unha ostentación da riqueza. A onde nos leva esta premisa? A que a sobrecarga de tarefas é celebrada e premiada. A día de hoxe aínda vemos titulares de xente que afirma cousas do tipo ‘eu non podo vivir sen traballar”, detalla María José Andrade.
Un dos puntos que máis analiza a Socioloxía é se realmente a ‘cultura do esforzo’ garante a igualdade de oportunidades. “Non hai que esquecer que temos a ilusión de vivir en sociedades meritocráticas onde os logros e as recompensas se distribúen en función do mérito. Con esa base, sostense que calquera, independentemente da súa orixe, pode alcanzar o éxito se traballa o suficientemente duro, pero isto non é así. Desde unha perspectiva crítica a Socioloxía sinala que hai moitas condicións estruturais que xogan un papel crucial: a clase social, o nivel educativo, a variable sexo/xénero... Ademais do propio contexto: non é o mesmo estar en recesión que nun momento de bonanza económica”, debulla a socióloga.
Na reivindicación da ‘cultura do esforzo’ María José Andrade fai unha crítica ao individualismo, pois considera que promove loitas solitarias e insolidarias ao presentar o éxito e o fracaso como unha variable que só depende do empeño persoal. “Como nos ensinaron a definirnos? Pois polo que facemos e non polo que somos. Como se fósemos empresarios de nós mesmos. É como se eu valoro exclusivamente á miña filla polas notas que saca, polo que fai e non polo que é. E isto está pasando... Pero non todos os individuos teñen o mesmo acceso aos recursos necesarios para que o seu esforzo se traduza en éxito. Hai barreiras que o esforzo non pode derrubar e iso xa o sinala Pierre Bourdieu –un dos sociólogos máis influentes do século XX– para quen o éxito, xa sexa social, académico ou económico, non é simplemente o resultado dun esforzo individual senón que está profundamente influenciado por outros capitais”.
"Vivimos nunha sociedade que exalta o traballo duro e as persoas poden tender a sobre-esixirse para cumprir coas expectativas sociais, o que en moitos casos deriva no esgotamento", di a socióloga da UDC
“Seguindo a Bourdieu, a ‘cultura do esforzo’ pode chegar a ser un mecanismo para lexitimar as desigualdades sociais e culpar as persoas pola falta de éxito, en lugar de cuestionar as estruturas que limitan as oportunidades. Os individuos non compiten en igualdade de condicións e a crenza no mérito individual pode servir para perpetuar esta reprodución social das desigualdades. É dicir, unha muller pode esforzarse ao máximo no seu traballo pero se está suxeita a un teito de cristal ou a unha discriminación salarial, o seu esforzo non se vai traducir no mesmo éxito que o dun dos seus colegas varóns”, engade a profesora da UDC.
Nos tempos actuais fálase moito da autoexplotación, que ten unha relación directa con esta ‘cultura do esforzo’ que se reproduce en contextos solitarios e insolidarios que favorecen a competencia entre individuos. “Vivimos nunha sociedade que exalta o traballo duro e as persoas poden tender a sobre-esixirse para cumprir coas expectativas sociais, o que en moitos casos deriva no esgotamento. Parece que vivimos coa angustia de facer todo o que podemos”, razoa María José Andrade, que vincula esta idea coa que desenvolve o filósofo surcoreano Byung-Chul Han no seu libro A sociedade do cansazo, onde se afirma que sempre queremos sentirnos cidadáns de proveito.
“A cultura do esforzo é unha construción social. Ollo, que pode ser un valor positivo en canto a que fomenta a autosuperación e o desenvolvemento persoal, mais tamén pode concibirse como un mecanismo de control, en tanto que oculta desigualdades estruturais e contribúe a perpetuar esa idea de que só o esforzo individual é responsable do éxito ou do fracaso. E non hai que esquecer que o éxito e o fracaso son tamén construcións sociais e se definen de maneira distinta segundo a cultura e a época, e non sempre están relacionados co esforzo”, conclúe a socióloga.
O profesor do departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC Miguel Anxo Bastos Boubeta confirma que a ‘cultura do esforzo’ é un dos principios do neoliberalismo, que promulga “que se te esforzas tenderás a mellorar, que é bo que haxa que esforzarse porque as cousas non deben ser gratis”. “Ti tes que ser proactivo, non podes estar quieto agardando a que pasen as cousas. Estou sen traballo? Pois a ver que podo facer, ao mellor teño que buscar traballo dentro e fóra. É unha mentalidade. Pero agora escoitamos moito iso de ‘teñen que darnos axudas’, ‘teñen que axudarnos a emanciparnos’... E non lle boto a culpa á rapazada porque este discurso derrotista é o dominante. Os rapaces aínda non tiveron tempo de crear o seu propio discurso, herdan o que nós lles damos”, manifesta o politólogo.