O gran apagamento deste 28 de abril puxo no foco, por razóns obvias, o estado e circunstancias que arrodean o sector eléctrico. Esta peza estrutural da vida cotiá a todos os niveis está esencialmente en mans privadas malia ao seu obvio interese público. E, agás cuestións como a controversia en torno ao seu custo doméstico en plena crise de prezos ou infraestruturas coma os parques eólicos, adoita estar fóra do debate público.
No caso galego é relativamente frecuente ler ou escoitar mencións á produción e exportación de enerxía eléctrica. Pero, como é a luz que se produce en Galicia? Segundo os datos de Red Eléctrica, leva dende finais da década pasada estancada un chisco por baixo dos 25.000 xigavatios/hora (GWh), aínda que cun notable incremento do protagonismo das fontes renovables ao que contribuíu a fin da produción con carbón nas Pontes e Cerceda.
Neste contexto, o pasado 2024 finalizou co país rexistrando un relevante fito: dende que hai datos comparables, a produción eléctrica galega nunca contaminara tan pouco. As fontes non renovables non chegaron a un 17% do total producido, mentres que as renovables se dispararon ata o 83%, case trinta puntos por riba da media estatal.
O pasado ano ata o 83% da produción eléctrica galega foi renovable, un fito no que foi protagonista a enerxía hidráulica nun marco de estancamento xeral de potencia instalada
Nesa relevante marca tivo especial protagonismo a enerxía hidráulica, con máis de 10.000 GWh. Compensou así o descenso da produción eólica (uns 8.800 GWh). Mentres, o carbón anotou un cero por primeira vez dende a apertura das devanditas centrais térmicas agora desmanteladas.
Así e todo, estes bos datos para as fontes renovables en 2024 non deben ocultar, a xuízo de análises coma os realizados polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) cando foron publicados "o lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia que representa a falta de avances na electrificación e na instalación de potencia eléctrica renovábel" nos últimos anos. Dende 2018, derradeiro ano coas térmicas de carbón como principal fonte de produción eléctrica, a potencia renovable instalada aumentou apenas un 8%.
O "principal incidente" previo ao gran apagamento, en Santiago
Estes datos de produción eléctrica son unha parte da radiografía dun sistema no que, atendendo aos informes de Red Eléctrica, os apagamentos prolongados viñan sendo, tamén no noso país, unha situación excepcional. Así e todo, foi precisamente en Galicia onde aconteceu o "principal incidente" do Estado en canto a interrupción do subministro previo ao momento crítico deste 28 de abril.
Durante 2024 "rexistráronse 17 interrupcións de subministro" en todo o Estado, segundo Red Eléctrica, que supuxeron non subministrar 32 megavatios/hora, 12 deles en Galicia
Segundo os datos provisionais de Red Eléctrica para o 2024, divulgados o pasado xaneiro, sumando o sistema eléctrico peninsular e mais os das illas Balears e Canarias, "rexistráronse 17 interrupcións de subministro en 2024", un descenso interanual do 11% que supuxo a non subministración total de 32 megavatios/hora e un tempo medio de interrupción de 0,07 minutos. Eses valores están "moi por baixo do valor de referencia de 15 minutos" fixado no Real Decreto que regula esta materia dende o ano 2000.
"O principal incidente produciuse en Galicia, concretamente na subestación de San Caetano", en Santiago, reflicte o informe. Esa interrupción deu servizo deu lugar a que non se subministrasen 7 megavatios/hora, contribuíndo a que o ano pasado Galicia fose a comunidade autónoma con máis enerxía eléctrica non subministrada por interrupcións do servizo (12,22 megavatios/hora) e maior tempo de interrupción medio (0,46 minutos).
En calquera caso, todos estes indicadores (con ata media ducia de autonomías sen ningunha interrupción) de 2024 quedarán absolutamente superados polo acontecido este 28 de abril.