A FAPE reprende o "contido discriminatorio" coas persoas trans dun artigo de opinión de 'La Voz de Galicia'

A queixa foi presentada por nove entidades LGTBI galegas, entre elas Arelas © Arelas

O pasado 3 de agosto La Voz de Galicia publicou o artigo 'Lo trans', asinado por José Francisco Sánchez (Director de la Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e Director de comunicación de la Corporación Voz de Galicia) no que o autor comeza dicindo que "deberíamos deixar de dicir que se pode cambiar de sexo" para rematar afirmando que "do tétrico dogma trans non se pode disentir: hai moito diñeiro en xogo", criticando ademais que os procesos de cambio de sexo se inicien en menores de idade. 

Para as denunciantes, o artigo constituía "un esforzo para manipular, terxiversar e distorsionar deliberadamente a realidade" e "un exercicio de denigración dxs menores trans"

O texto foi criticado no seu momento por varias entidades LGTBI galegas que, ademais, presentaron unha queixa formal na FAPE (Federación de Asociacións de Periodistas de España), sinalando que o artigo constituía "non só un esforzo para manipular, terxiversar e distorsionar deliberadamente a realidade; senón que ofrece un exercicio indigno de denigración das entidades de dereitos humanos, especificamente dxs menores trans".

A denuncia foi presentada por ALAS, Amizando, ARELAS (Asociación de familias de menores trans), Asociación agrocuir da Ulloa, Avante LGTB, Asociación GOTAS, Les Coruña, Nós Mesmas e Ultreia LGTBI, que sinalaban que o artigo constituía unha "flagrante vulneración do Código de Deontoloxía da profesión periodística". O Comité de Arbitraxe, Queixas e Deontoloxía da FAPE estudou a denuncia, emitindo unha resolución nos últimos días. 

A resolución indica que "varias das súas expresións e afirmacións" supoñen "un contido discriminatorio cara ás persoas aludidas no mesmo"

A FAPE rexeita algúns dos motivos de crítica formulados polas entidades denunciantes, pero conclúe que tanto o autor como o propio xornal (pola falta da necesaria supervisión) incumpren varios puntos das recomendacións do Código Deontolóxico da entidade. A resolución indica que "varias das súas expresións e afirmacións" supoñen "un contido discriminatorio cara ás persoas aludidas no mesmo". Ademais, critica que "tratando contidos en que median elementos de dor e aflición, non se evitan as intromisións e especulacións gratuítas". E, finalmente, advirte de que "abordando asuntos que afectan á infancia e a mocidade, non mantén o debido coidado".

Protesta de Arelas no ano 2016 © Arelas

A FAPE afirma que "as opinións son libres pero non libérrimas ata o punto de quedar eximidas de todo coidado e responsabilidade sobre o seu contido

En concreto, o artigo tería incumprido o artigo I.4.e), que di que "se emprestará especial atención ao tratamento de asuntos que afecten á infancia e á mocidade". E tamén o I.7, que sinala que "o xornalista extremará o seu celo profesional no respecto aos dereitos dos máis débiles e os discriminados. Por iso, debe manter unha especial sensibilidade nos casos de informacións ou opinións de contido eventualmente discriminatorio".

A entidade responde, no entanto, que non cabe crítica por incumprir "a debida separación entre información e opinión", por tratarse dun artigo de opinión "debidamente rubricado como tal". Por este mesmo motivo non se aplica a "esixencia de verdade" ás informacións publicadas. Porén, tamén indica que "as opinións son libres pero non libérrimas ata o punto de quedar eximidas de todo coidado e responsabilidade sobre o seu contido, particularmente se son publicadas nun xornal".

As asociacións denunciantes celebraron este venres a resolución da FAPE, afirmando que "só a través dunha actitude de tolerancia cero fronte a textos como este, se poderá salvagardar, para a totalidade da cidadanía, a boa imaxe da profesión xornalística".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.