Só no mes de maio, 213 petroleiros pantasma pasaron fronte as costas europeas
O risco dunha catástrofe ambiental que de novo afecte ás costas galegas súmase de maneira case imperceptible á longa lista de consecuencias económicas, políticas e sociais da invasión de Ucraína. Cada vez máis petroleiros ‘pantasma’, buques sen seguro, sen transpondedor ou localizador e con décadas de antigüidade, navegan fronte a Fisterra levando cru desde os portos rusos ás refinerías de países como India.
Segundo un informe feito público este xoves polo Centro de Investigación sobre Enerxía e Aire Limpo (CREA, polas súas siglas en inglés), unha organización de investigación independente con base en Finlandia que se converteu nunha referencia no seguimento do tráfico de combustibles fósiles con orixe rusa, só no mes de maio cruzaron fronte as costas europeas 213 buques pantasma cunha idade media de 17 anos, o 75% do total con orixe en Rusia. Un de cada catro tiña máis de 20 anos de antigüidade, a cifra límite a partir da cal as navieiras regulares xubilan estes barcos para non verse obrigadas a afrontar elevadas cotas para asegurar os riscos dun accidente ambiental.
Un deles, segundo os datos recompilados por CREA, superaba mesmo os 37 anos: trece máis que os que tiña o Prestige cando partiu en dous e afundiu fronte as costas galegas en novembro de 2002.
Risco de catástrofe
O risco de catástrofe ambiental que representa o tráfico descontrolado de petroleiros en malas condicións é evidente. Os petroleiros pantasma máis antigos que transportan petróleo e produtos petrolíferos rusos a través das Zonas Económicas Exclusivas, augas territoriais e varios estreitos marítimos dos Estados membros da UE "supoñen preocupacións ambientais e financeiras debido á súa cuestionable cobertura" de riscos. CREA sostén que a maioría deles, se non todos, carecen dun seguro de protección e indemnización suficiente para cubrir os gatos en caso dun derrame de petróleo ou unha catástrofe. Se se produce un accidente, serán os países da UE quen se verá obrigados a soportar a carga financeira da limpeza, sen mencionar as repercusións dos danos económicos e ambientais.
Un 25% ten máis de 20 anos e moitos deles carecen de seguro e incluso de transpondedor ou localizador.
Rusia recorre a esta frota de petroleiros na sombra para abaratar prezos e compensar o custo que supón ter que vender o seu cru a países moi afastados, como India. Son petroleiros que, segundo os analistas do sector, operan baixo bandeira deste país, pero tamén de China e Emiratos, e que foron adquiridos no mercado de segunda man despois de ser desbotados polas navieiras que non queren correr o risco dun accidente. Moitos nin sequera levan o sistema que emite información en tempo real sobre a súa posición para evitar ser detectados.
Antes de que Rusia invadise Ucraína, a maioría deles utilizábanse para desafiar as sancións de Estados Unidos ao cru venezolano ou iraniano, pero agora navegan fronte as costas europeas, incluído o estratéxico corredor marítimo de Fisterra que discorre fronte a Galicia e polo que pasan cada ano decenas de miles de barcos no seu roteiro de ida volta desde e cara os grandes portos europeos do norte.
Sen supervisión
Esta frota imposible de rastrexar opera sen someterse á regulación e supervisión nacional que se requiren aos barcos comerciais lexítimos. Bloomberg citaba nunha información recente o caso de Turba, un petroleiro de 27 anos de idade que non tivo unha inspección completa desde 2017 e que foi avistado recollendo petróleo pesado, moi similar ao que transportaba o Prestige, no porto de San Petersburgo.
Moitas empresas pensan en despezar os barcos arredor dos 15 anos, segundo fontes do sector. Os cascos dos máis antigos, a partir dos 20 anos, sofren moito no mar e a corrosión natural da auga salgada agrava o problema. As navieiras que operan de acordo ás normas sométense, segundo as mesmas fontes, a un sistema de inspeccións detalladas que levan a cabo polo menos cada cinco anos cando un barco é novo e con maior frecuencia a medida que envellece. Son exhaustivas e moi custosas: poden supoñer un gasto de ata catro millóns de dólares.
O problema agrávase cando estes barcos ilegais traspasan a súa carga no mar a outros que si o son para branquear o cru ruso mesturándoo co que foi adquirido en países non sometidos a embargo. Son operacións “moi arriscadas” nas que a posibilidade de que se produzan vertidos é extrema.
Necesidade de control
Algunhas voces reclaman unha actuación inmediata da Organización Marítima Internacional (OMI) para abordar os perigos destas prácticas ilícitas e pedir a China e India que deixen de impulsar estas transferencias de cru no mar, así como de utilizar petroleiros obsoletos. E mesmo reclaman que a ONU faculte os gardacostas e as armadas occidentais para facer cumprir as normas internacionais.
Só no mes de maio, segundo os datos recompilados por CREA, os buques que transportaban petróleo ou produtos petrolíferos rusos realizaron transferencias de carga de barco a barco valoradas en 700 millóns de euros en augas da UE. A maioría (63%, valorada en 444 millóns de euros) destas transferencias foron facilitadas por petroleiros cubertos por seguros da Unión Europea a pesar de que "socavan gravemente as sancións ao permitir que Rusia evada sancións e topes de prezos ao dividir a carga entre múltiples compradores e mesturar petróleo ruso a menor prezo con petróleo non ruso". Os petroleiros pantasma, cunha idade media de 17 anos, realizaron transferencias de barco a barco por un total de 256 millóns de euros en augas da UE.
Algúns países empezaron a discutir o modo de facer fronte á frota de petroleiros na sombra coa que opera Rusia. Un deles é Dinamarca, que esta mesma semana confirmou a súa preocupación polos buques destas características que pasan fronte as súas costas procedentes do Mar Báltico. A resposta rusa, segundo unha información publicada por Reuters, foi inmediata: o embaixador en Copenhague fixo saber que calquera movemento deste tipo sería "inaceptable".