A Garda Civil interveu 56 veces desde abril para protexer a muller asasinada en Oia da súa ex-parella

Imaxe de arquivo dunha acción de denuncia contra o feminicidio organizada pola Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-NC Marcha Mundial das Mulleres

Ana Vanessa Serén foi asasinada por un home do que fora parella este sábado nas inmediacións do camping 'O Muíño' de Mougás, no concello de Oia (Pontevedra), onde traballaba. O presunto asasino é Garda Civil de profesión, tiña unha orde de afastamento de 300 metros da vítima e a prohibición de comunicarse con ela. 

A subdelegada do Goberno de España en Pontevedra, Maica Larriba, informou este domingo de que desde o mes de abril cando tivo lugar unha denuncia da vítima nesta provincia "efectuáronse 56 intervencións policiais de protección", unha delas "moi recente". "En ningún caso esta vítima estivo desamparada pero estas cousas suceden, lamentablemente, por moitos medios que poñamos, por moitos recursos... Non hai palabras", dixo. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, na concentración en repulsa do crime machista en Mougás CC-BY-SA Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Larriba detallou que a vítima, natural de Lugo e de 44 anos, que era traballadora do camping 'O Muíño', situado na estrada entre Baiona e A Guarda, presentou unha denuncia en abril deste ano que deu paso a un xuízo rápido que se resolveu cunha orde de afastamento a menos de 300 metros e a prohibición de comunicación por todos os medios. 

Porén, o Equipo de Muller-Menor (EMUME) da Garda Civil rexistrou ata 56 intervencións policiais "de seguemento" no expediente da vítima, asasinada no aparcadoiro cando ía coller o seu coche ao rematar a súa xornada laboral, en apenas dous meses. Como figura no sistema VioGén do Ministerio do Interior, segundo explicou Larriba, que confirmou que este caso de violencia machista estaba catalogado como de "risco medio".

Desde a Delegación do Goberno en Galicia manifestan que lle remitiron á Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero "os datos e informes policiais" a última hora do sábado para estudar a declaración oficial do crime de Oia como violencia de xénero. 

Trataríase do segundo asasinato machista en Galicia no que vai de ano despois do feminicidio que acabou coa vida de Beatriz Lijó en Baiona o pasado mes de febreiro. Con este feminicidio en Oia serían 21 as mulleres asasinadas por violencia machista no Estado español en 2023, 1.025 desde que comezaron os rexistros en 2003.

O presunto asasino non poderá ser xulgado porque tras fuxir do aparcadoiro no que disparou á vítima quitouse a vida tamén cunha arma de fogo ao ser localizado polas forzas de seguridade. "A investigación está xa moi pechada", afirmou Maica Larriba desde Oia, onde fixo un chamado á "concienciación" e o "compromiso" de toda a sociedade contra a violencia machista.

Sobre o suposto homicida, a subdelegada do Goberno en Pontevedra confirmou que formaba parte da Garda Civil e tiña retirado o permiso de armas. "Só prestaba atención cidadá, recollía denuncias pero sen ningún tipo de acceso ás armas", incidiu Maica Larriba, para engadir que a investigación ratificou que a arma homicida "non era a arma regulamentaria" deste axente. "Parece ser que é unha escopeta ou un fusil", agregou.

Loito oficial

O Concello de Oia decretou tres días de loito oficial desde este sábado e suspende todas as actividades municipais previstas para estas datas. Así mesmo, desde o consistorio convocaron unha concentración no camping 'O Muíño' para o mediodía deste sábado, na que participou a subdelegada do Goberno en Pontevedra.

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou este domingo que a morte de Ana Vanessa é "un fracaso como sociedade" e expresou o seu fondo pesar polo asasinato machista. "Non pode volver a suceder. Non podemos calar nin deixar de avanzar para protexelas", afirmou. 

Vista do camping 'O Muíño' de Mougás, no Concello de Oia CC-BY-SA Concello de Oia

O pésame polo crime tamén chegou por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que sinalou que "non imos deixar de traballar ata que a violencia machista estea definitivamente fóra da sociedade". A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, incidiu en que "urxen máis medios e recursos para protexer ás mulleres que sofren esta forma cruel de violencia". "Só con igualdade real poderemos deixar atrás o terrorismo machista", engadiu. O secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, salientou que a violencia machista é "unha lacra" que "debemos erradicar dunha vez por todas da nosa sociedade". 

A Marcha Mundial das Mulleres anuncia mobilizacións para este luns, seguindo o protocolo do movemento feminista en Galicia.

 

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.