“A locomotora de cabeza sae despedida”: A descrición inicial do accidente do Alvia en Zamora que fan os investigadores

Alvia accidentado en Zamora e expediente aberto pola CIAF © Delegación do Goberno - CIAF

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) abriu este luns o prazo de tres semanas para que as persoas interesadas na súa análise do sinistro poidan rexistrarse como tales, procedemento que non permitiu no accidente de Angrois

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) abriu este luns un prazo de tres semanas para que as persoas interesadas na súa análise do accidente do Alvia en Zamora do pasado 2 de xuño, no que morreu un maquinista e o condutor dun vehículo que caera á vía, poidan rexistrarse como tales. O procedemento para que as persoas interesadas poidan participar na investigación da CIAF foi habilitado despois de que a Unión Europea censurase a España por non permitirllo ás vítimas de Angrois malia que a normativa comunitaria así o esixía.

Coa apertura do prazo para que as persoas interesadas así o comuniquen, a CIAF vén de facer públicos os datos iniciais do accidente, dos que aclara que “poden ser modificados no proceso de investigación”. Nese resumo do ocorrido identifícanse as empresas ferroviarias implicadas (Adif como xestora das vías e Renfe como operadora do tren), o lugar e ahora ou as persoas afectadas (dous falecidos, un maquinista ferido grave e seis pasaxeiros feridos leves).

Alvia Ferrol-Madrid accidentado á altura de La Hiniesta (Zamora) o 2 de xuño de 2020 © Goberno de España

Tamén se fai un resumo do sinistro no que se viu implicado o servizo Alvia composto por dúas composicións de tren Talgo S-730 unidas unha tras outra: “O tren 11553 Alvia Ferrol/Pontevedra - Madrid Chamartín (composición dobre) colide cun vehículo todo terreo (Land Rover), que caera desde un paso superior de estrada na entrada da base de mantemento de La Hinista. A consecuencia do choque, descarrila toda a composición de cabeza no desvío 2 e a locomotora de cabeza da composición de cola. A locomotora de cabeza sae despedida cara á base, e o resto do tren continúa pola vía”.

O resumo da CIAF engade que como consecuencia do sinistro “resulta falecido un maquinista en prácticas e o ocupante do Land Rover, ferido grave o maquinista titular, e feridos leves 6 viaxeiros”. Os investigadores sinalan tamén os “cuantiosos danos en infraestrutura e material móbil”.

O accidente do Porriño de 2016, con catro falecidos, foi o primeiro no que a CIAF permitiu a participación das vítimas despois da crítica que lle fixo a UE por non ofrecelo aos afectados do sinistro de Angrois de 2013

Agora as persoas que se consideren parte interesada poderán solicitar a súa participación no proceso de investigación da CIAF, paralelo á intrución xudicial tamén aberta, un paso que a comisión de investigación só permite desde o accidente de tren do Porriño de hai agora catro anos no que morreron catro persoas.

Un procedemento que só se habilitou hai catro anos malia que así o obriga unha directiva europea de 2004 que o Estado español non traspuxo completamente á normativa estatal ata 2014, dez anos despois, o que provocou duras críticas da UE ao Goberno central por como os investigadores de Fomento deron de lado ás vítimas do accidente de tren de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas.

A Directiva europea 2004/49/CE di que a investigación técnica dos accidentes ferroviarios debe realizala un organismo independente do Goberno “coa maior apertura posible, oíndo a todas as partes e compartindo os resultados. Informarase periódicamente da investigación e dos seus avances [entre outros] ás vítimas e os seus parentes [...] e brindaráselles, sempre que sexa factible, a oportunidade de expor as súas opinións e puntos de vista durante a investigación e a posibilidade de facer observacións”. A norma europea nada di de prazos para esa participación das vítimas, como os 21 días que agora teñen os interesados para formalizar a súa vontade.

Esa Directiva de 2004 non foi trasposta por completo á normativa española ata dez anos despois, a través do Real Decreto 623/2014, de 18 de xullo, no que se recolle unha formulación similar co engadido de que, no caso de que haxa abertas tamén dilixencias xudiciais, esa participación dos afectados quedará supeditada “ao establecido na lexislación procesal”. A norma española engade tamén un prazo de 15 días para realizar alegacións á investigación, pero nada di de ningún prazo para previamente ter que persoarse como afectado.

Informe de 2016 da Axencia Ferroviaria Europea no que critica que a CIAF non contou coas vítimas, como obriga a normativa europea desde 2004, na súa investigación do accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Malia que así o segue a reclamar a UE, a CIAF segue negándose a facer unha nova investigación independente do accidente de Angrois

No accidente de tren de Angrois, ocorrido antes da transposición da normativa europea á española, a CIAF non facilitou a participación das vítimas na súa investigación. Nela concluíu que o maquinista do tren Alvia fora o único responsable do descarrilamento do tren malia as decisións de Adif, a empresa pública xestora do AVE Ourense-Santiago, de reducir a súa seguridade, algo co que non están de acordo as vítimas. A Axencia Ferroviaria Europea, nun duro informe feito público en xullo de 2016, criticou que a CIAF non dese voz ás vítimas de Angrois e que se limitase a culpar o maquinista sen analizar as eivas de seguridade da liña. A UE tamén certificou que a investigación da CIAF non era independente xa que os seus membros foran nomeados discrecionalmente por Fomento.

En 2014, logo da transposición da normativa comunitaria, os membros da CIAF pasaron a ter que contar co visto bo do Congreso para garantir a súa independencia do Goberno. Porén, malia que así o segue a reclamar a UE, a CIAF segue negándose a facer unha nova investigación independente do accidente de Angrois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.