Un tren Alvia que viaxaba dende Galicia con destino a Madrid descarrilou a primeiras horas da tarde deste martes, 2 de xuño, á altura da localidade zamorana de La Hiniesta, nas proximidades da capital da provincia. O convoi, procedente de Ferrol, circulaba en dobre composición e, a causa do accidente, resultaron feridos os seus maquinistas. Un deles faleceu pouco despois, informa o 112 de Castilla y León. Os 180 pasaxeiros "resultaron ilesos", confirma Renfe, se ben algúns deles tiveron que ser atendidos por feridas de pouca consideración.
O Alvia bateu cun vehículo que caeu ás vías dende un paso elevado. Un dos maquinistas feridos faleceu antes de poder ser trasladado, informa o 112. Todos os pasaxeiros resultaron "ilesos", sinala Renfe, aínda que o 112 indica que cinco deles tiveron que ser atendidos de feridas "leves"
Renfe especifica que se trata do Alvia 11553 que une Ferrol coa cidade de Madrid e atribúe o acontecido a "unha colisión cun vehículo" que, confirmou este diario, caeu ás vías dende un paso elevado. O 112 de Castilla y León, cuxos efectivos se despregaron na zona pouco despois, indican que os pasaxeiros puideron abandonar o tren a pé e confirma tamén o falecemento do único ocupante do turismo, un home de 88 anos.
Detalla ademais o 112 que, inicialmente, os maquinistas quedaron atrapados na máquina, polo que foi preciso excarceralos. Un deles, de 31 anos, "faleceu antes de ser trasladado" ao hospital e outro, de 55, si puido ser levado en UVI móbil ao hospital de Zamora, sempre segundo a información do 112, que especifica que despois foi trasladado a Salamanca.
Fontes consultadas por Praza.gal apuntan á orixe galega de ambos e o sindicato CC.OO. ratifica que o maquinista falecido era galego e "fillo dun profesional do sector". O delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, ratifica os falecementos do condutor do coche e do maquinista.
Os servizos sanitarios, especifica o servizo de Emerxencias castelán e leonés, atenderon a cinco persoas feridas entre as 180 que viaxaban no tren, pero todas elas de carácter "leve". Foron trasladadas tamén a un centro sanitario.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) asegura que o vehículo é alleo "á explotación ferroviaria" e tampouco está ligado ás obras da liña de alta velocidade na zona, na que só está habilitada unha vía por mor deses traballos. A consecuencia do choque co vehículo, a locomotora do Alvia envorcou. O resto da composición permaneceu vertical malia ao descarrilamento.
Malia producirse nas proximidades á base de mantemento e montaxe de vías do treito en obras da liña de alta velocidade, a envergadura do sinistro terá a liña cortada a liña varios días.