Unha prestación universal por crianza para todas as familias con menores de 18 anos. Esa é unha das medidas que o Consello de Ministros deste martes aprobou como obxectivo para reducir a pobreza infantil tras actualizar a súa Estratexia de Desenvolvemento Sostible 2030 impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais.
O Consello de Ministro actualiza a súa Estratexia de Desenvolvemento Sostible 2030, que inclúe unha prestación universal por crianza para todas as familias con menores de 18 anos
A intención coa prestación —segundo aclara o propio ministerio a Praza.gal— iría así moito máis aló da actual, limitada ata os tres anos, e suporía unha axuda de 200 euros ao mes por menor (2.400 euros ao ano) a cargo para todas as familias, como dereito universal e sen límite en función da renda.
Esa é o obxectivo que deixou claro este martes o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, que leva dous anos traballando por esta prestación e que confía en que "vexa a luz canto antes" e coa que prevé "un impacto extraordinario e extraordinariamente positivo para a democracia española".
En Galicia, segundo os últimos datos que achega o IGE, son arredor de 365.000 as e os menores de 18 anos e uns 300.000 os fogares que se verían beneficiados por esta medida.
O ministro Bustinduy asegura que a prestación tería "un efecto inmediato na redución da pobreza infantil"
A prestación é unha das medidas incluídas no informe de revisión da Estratexia de Desenvolvemento Sostible, cun cento de metas a cumprir nese ano e na que se inclúe esta axuda universal por crianza para todas as familias con fillos, ademais de triplicar o investimento público en vivenda, diversas accións para unha maior igualdade de xénero e redución desta fenda salarial, así como para aumentar a independencia enerxética.
A inclusión da prestación por crianza, aprobada a iniciativa de Sumar, é un propósito clave para a formación porque tería "un efecto inmediato na redución da pobreza infantil", segundo explicou Bustinduy, que aclarou que hai "coñecemento" para poder despregar a medida, ademais de "evidencia científica acumulada de sobra" que confirman o éxito dunha axuda que está vixente en 17 Estados da UE e que, aclarou, debería ir da man dun modelo fiscal redistributivo, progresivo e xusto.
Sen data aínda
A medida —pendente de aprobar— non ten data de posta en marcha, aínda que Bustinduy insistiu en que é "un obxectivo prioritario" e que espera que se aplique axiña, tras aclarar que é un dos puntos nas negociacións para os Orzamentos Xerais do Estado.
A prestación é, segundo o ministro, unha das medidas máis importantes desta nova estratexia que pretende "reforzar o Estado de Benestar" con accións para "reducir a pobreza e a desigualdade e incrementar a renda dos fogares con menos ingresos".
Bustinduy, ademais, advertiu de que o custo estimado da pobreza infantil en España é de "65.000 millóns de euros ao ano" e que se "expresa ao longo de todo un ciclo de vida" por supoñer "peor desempeño educativo, pores índices de integración no mercado laboral, peores salarios ou peores índices de saúde". "O retorno social será inmediato e superará con creces as expectativas", explicou.
En Galicia, a taxa de pobreza infantil, que chegou a ser do 30% en 2020, caeu no ano 2024 ata o 13,5%. Malia a mellora dos datos nos últimos ano, tamén nos indicadores para infancia e mocidade, 58.000 menores viven aínda en risco de pobreza no noso país, como alertou recentemente un estudo da Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia. Ademais, o 31,2% das familias monoparentais galegas seguen a estar en risco de pobreza, unha porcentaxe que duplica os valores medios do conxunto da sociedade.
En boa parte, como destacan diversos estudos, son as políticas de protección ás familias e de benestar, tanto a nivel estatal como autonómico, as que reducen esta pobreza entre a rapazada. Un escudo social que agora o Goberno de España pretende ampliar con esta medida que abranguería os máis de 360.000 menores de 18 anos residentes en Galicia.
En canto a isto, o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 aclara que "a evidencia acumulada (por parte do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, a OCDE, UNICEF ou a OIT) é moi clara: as prestacións universais son as máis eficaces para chegar a todas as famiilas". E explícase, insiste, porque "eliminan barreiras burocráticas e estigmas, alcanza o 100% dos fogares con menores e reducen de xeito significativo a pobreza infantil. Ademais, ofrecen un apoio estable e previsible durante todas as etapas do desenvolvemento do menor".