O Goberno galego incorpora as medidas acordadas a nivel estatal pero segue deixando a súa implantación en mans de cada centro
Obrigada polos acordos adoptados a nivel estatal o pasado xoves, catro días despois, este luns, o Goberno galego volveu mudar os seus protocolos fronte ao coronavirus para a volta ás aulas, no caso do destinado ás escolas infantís só un día antes de que as privadas abran as súas portas este martes 1 de setembro (as da Xunta non o farán ata o venres 4). Porén, a aplicación concreta das medidas segue quedando en mans de cada centro.
Entre as principais decisións novas tomadas, esta non incluída no acordo do venres, está a de adiar un día a volta ás aulas para a metade dos cursos. Deste xeito, se antes a educación infantil, primaria e especial volvía toda o 10 de setembro e a secundaria, bacharelato e formación profesional o 16, agora divídense os cursos, o que limitará o impacto da folga anunciada para eses dous días polos sindicatos educativos poucas horas antes de que a Xunta fixese pública a súa decisión.
Así queda a nova volta ás aulas:
- Xoves 10: volverá ás aulas o alumnado de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil, de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e de Educación Especial.
- Venres 11: iniciará o curso o alumnado de 6º de Educación Infantil e o de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
- Mércores 16: será o regreso para o alumnado de 1º e 2º de ESO e de 1º de Bacharelato, 1º de FP Media e 1º de FP Superior.
- Xoves 17: volve o alumnado de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP Media e 2º de FP Superior.
- Venres 18: alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.
Canto ás modificacións obrigadas polo acordo estatal, entre outras cuestións a Xunta amplía de 1 a 1,5 metros a distancia entre as cadeiras do alumnado, pero segue a establecer que se mida desde o centro da cadeira e non desde o borde desta ou da mesa. Ademais, tanto esa medida como outras relativas ao uso de máscaras déixanse en mans de cada centro educativo e cunha redacción no protocolo, como nas súas versións anteriores, non impositiva senón como recomendacións ou posibilidade.